Vigo acolle o 21 de novembro o Simposio das Letras Galegas de Begoña Caamaño

O MARCO será o escenario do encontro, que reunirá unha ducia de voces para afondar na literatura, no xornalismo e na vida da autora á que a RAG lle dedica este ano. A entrada é libre

A Real Academia Galega celebrará o sábado 21 de novembro en Vigo o Simposio das Letras Galegas 2026. Baixo o título Begoña Caamaño: literatura, xornalismo e vida, o encontro reunirá no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) unha ducia de voces que afondarán na narrativa, no exercicio periodístico e no perfil máis humano dunha muller que leu e escribiu o mundo cun manexo vibrante e cativador da palabra e á procura da reflexión para un mundo mellor.

A xornada coa que a RAG lle pon o ramo ás Letras de Begoña Caamaño Rascado (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014), coordinada pola académica María López Sández, celebrarase co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación e mais a colaboración do Concello de Vigo. 

Tras a apertura institucional (10:00 horas), a crítica literaria María Xesús Nogueira impartirá a conferencia inaugural, «Begoña Caamaño. A construción dunha voz narrativa». O programa da mañá continuará, tras un tempo de coloquio e descanso, coa mesa redonda «Reescribir os mitos: voces, formas e pensamento» (12:00 h), coa helenista María Teresa Amado, o especialista en literatura medieval Santiago Gutiérrez, a xornalista e escritora Lara Rozados e o académico Víctor F. Freixanes, editor das novelas de Begoña Caamaño. As súas achegas abordarán como Begoña Caamaño revisitou dende a contemporaneidade A Odisea e as lendas do ciclo artúrico en Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). 

«Poñer a voz: xornalismo e compromiso» é o título da mesa redonda que abrirá a tarde (16:00 horas). María Xosé Porteiro, compañeira de profesión de Caamaño nos seus primeiros anos de exercicio en Vigo; a académica Ana Romaní, amiga e compañeira da autora na Radio Galega; e Lucía Junquera, creadora do pódcast sobre Caamaño do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, falarán sobre a concepción que a homenaxeada tiña da función social do periodismo e do seu papel na normalización do idioma, entre outros aspectos relacionados co seu oficio.

A ollada máis persoal chegará da man de Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño, a súa amiga Uxía Senlle e o académico Ramón Nicolás, quen a coñeceu tras a publicación de Morgana en Esmelle. Será na mesa «A vida compartida: memoria, lugares e afectos» (17:50 h), unha conversa que abranguerá dende os anos da infancia da autora no barrio vigués do Calvario e a memoria familiar ás amizades e a relación entre experiencia vital e literatura. 

Uxía será ademais a encargarda de lle poñer o ramo ao encontro interpretando os seus temas dedicados á protagonista das Letras Galegas 2026. No apartado de homenaxes, o programa inclúe ademais a proxección dunha peza audiovisual na que o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas «Galego sen fronteiras» lle dá lectura a fragmentos da obra de Caamaño en distintos idiomas.