Unha extensa programación celebrará as Letras Galegas dedicadas a María Victoria Moreno

Exposicións, xornadas académicas, edicións especiais, espazos televisivos, actividades e recursos lúdicos e mesmo eventos deportivos forman parte da extensa programación dirixida a todos os públicos que toma forma de cara á celebración do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005). A Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG presentaron esta mañá as iniciativas que prevén desenvolver, recollidas nesta ligazón.

María Victoria Moreno polo ilustrador David Pintor, comisario da exposición central das Letras Galegas 2018


O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e a directora adxunta da CRTVG, Rosa Vilas, presentaron as iniciativas nun acto no que tamén participou, en nome da familia, o viúvo da escritora. Pedro Ferriol agradeceu á RAG a decisión de dedicarlle o Día das Letras Galegas á súa dona e a implicación doutras moitas institucións, asociacións e escolas na celebración desta festa. "O agradecemento é sincero, porque pensamos que de verdade merece esta homenaxe, xa que nestes anos houbo un certo silencio [arredor da súa figura]", expresou.

O home de María Victoria Moreno definiuna como "unha muller adiantada ao seu tempo, sempre comprometida coas causas xustas e identificada coas clases máis desfavorecidas, ademais dunha pioneira da literatura infantil e xuvenil en Galicia". Recordou tamén a súa defensa da lingua galega xa durante a ditadura, cando chegou a ser "en certa medida represaliada". "Algúns dos seus libros foron censurados. Abriu cuns amigos unha libraría na que se vendían e lían obras prohibidas polo réxime e no seu labor a prol da lingua impartiu moitos cursos clandestinamente. Foi, en resumo, unha defensora da lingua galega e por iso acabaron por retirarlle o pasaporte e facer rexistros na súa casa e na libraría", contou.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou tamén a importancia da obra de María Victoria Moreno, dirixida sobre todo a "un público especialmente relevante e novidoso dentro da realidade galega dos últimos trinta anos", o infantil e xuvenil. Xunto con outros autores e autoras, "foi consciente de que había que alimentar o país con textos para que os rapaces descubrisen o pracer da literatura desde os seus propios mundos", expresou.

Víctor F. Freixanes valorou ademais "a memoria histórica que se pode recuperar" a través da figura homenaxeada. O momento en que María Victoria Moreno empezou a escribir en galego, cando publicou en 1973 Mar adiante, foi "un tempo de activismo e sensibilidade grande arredor da lingua e da literatura". Un activismo que ela exerceu como escritora, mais tamén como docente, recordou. "Por tanto, reivindicamos tamén os profesores e profesoras comprometidos co ensino da lingua e a descuberta", proseguiu.

Por último, o presidente da Academia mostrouse convencido de que a escolla de María Victoria Moreno como protagonista do vindeiro 17 de maio amosará unha vez máis o dinamismo social que se mobiliza arredor desta data capaz de "integrar e converter a lingua nunha festa e, ao mesmo tempo, nunha reivindicación".

Acto central en Pontevedra
A Real Academia Galega levará o acto central do Día das Letras Galegas ao Teatro Principal de Pontevedra, o primeiro destino de María Victoria Moreno cando chegou como docente a Galicia en 1963 e a cidade na que estableceu a súa residencia. O presidente a Academia, Víctor F. Freixanes, agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra nesta celebración, á que seguirá xa en novembro o simposio dedicado á escritora que a RAG organizará os días 27 e 28 na súa sede.

María Victoria Moreno é tamén a protagonista do proxecto Primavera das Letras, o espazo web da Academia que fornece as familias e o profesorado de recursos lúdicos e didácticos pesados para os nenos e nenas de infantil e primaria. Desde o Portal das Palabras da institución e a Fundación Barrié tamén será recordada con contidos especiais.

Exposición de David Pintor
A vida e a obra da escritora e docente tamén serán o eixe da exposición itinerante comisariada polo ilustrador e humorista gráfico David Pintor, "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes". A mostra da Xunta de Galicia percorrerá once localidades a partir da última semana de abril.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega publicará unha edición especial de Mar adiante e celebrará o 1 6 de maio en Pontevedra o Concerto das Letras, coa estrea dunha composición de Miguel Matamoros sobre un texto da homenaxeada.

Desde a CRTVG estase traballando, entre outros contidos, nun especial biográfico da escritora para a televisión e a Radio Galega traballa nunha programación especial que abranguerá todo o 17 de maio.