Unha carta de Víctor Said Armesto a Murguía

O escritor, filólogo, etnógrafo e musicólogo pontevedrés foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa da Universidade Central de Madrid, en 1914.
Víctor Said Armesto
Víctor Said Armesto


Autor de ensaios canónicos no eido da filoloxía hispánica como La leyenda de Don Juan (1908), e da etnografía galega como o Cancionero musical de Galicia, de 1910, Víctor Said Armesto, nado en Pontevedra en 1871, foi tamén compositor de zarzuelas, militante galeguista, promotor da Real Academia Galega e un dos principais referentes intelectuais da Galicia do seu tempo, formado ao abeiro de figuras como a de Casto Sampedro Folgar e Manuel Murguía.

Profesor de instituto desde 1907 en Reus, León e Pontevedra, no ano 1914, Said Armesto obtén a Cátedra de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa na Universidade Central de Madrid, converténdose, así, no primeiro catedrático desta especialidade no estado español, e iniciando unha prometedora carreira académica que había ser coutada, de xeito tráxico, pola súa morte temperá producida ese mesmo ano.

Na súa carta a Murguía, enviada desde Reus o 7 de outubro de 1906, Said Armesto comunícalle ao Patriarca as súas inquedanzas e plans de futuro naquela altura, como a súa intención de opositar a unha cátedra vacante de Filosofía no Instituto de Pontevedra, descontando a oposición dos caciques locais da cidade, Riestra e Besada, que finalmente gañará.

Máis adiante, Said Armesto transmítelle a Murguía a súa fonda antipatía polo erudito pontevedrés Celso (Fernández de la Riega): "Lo que V. dice del mentecato de Don Celso no me coge de susto. Es un pobre hambriento de notoriedad a quien yo tengo ganas", e anúncialle, así mesmo, a inminente saída da obra que o converterá nun referente dos estudos hispánicos: La leyenda de Don Juan, da que lle fai unha breve sinopse: "Los orígenes de esta leyenda se hallan en el Norte de Europa, y donde más cuajó el asunto fue en Normandia y en Bretaña. De allí pasó a Galicia; y de Galicia se derramó en forma de romances y consejas, durante los siglos XV y XVI, por el resto de la península."

A carta de Said Armesto a Murguía pódese descargar aquí.