Entre a moi interesante pero case descoñecida obra de Avelino Díaz (1897-1971), a piques de ser reeditada por Benigno Fernández Salgado, está este precioso soneto (respecto a ortografía orixinal):
Fogar
Garabullos e toxos a queimarse no lume,
na garmalleira un pote donde ferve o xantar;
longaínzas e androllas penduradas no cume
do caínzo; unha dona branco liño a fiar.
Un neno que lle proien os olliños co fume
namentras aconchega as muchicas do lar;
un falar amodiño, como que di un queixume
d-un velliño tulleito que s-está pra quentar.
Tras dos tizóns, sen medo a se queimar, o gato
deitado; canta un grilo metido no burato
que ten entr-a quentura das pedras da lareira.
Inquedo pol-a nai brúa un xato vermello
mais, logo resiñado, drento do seu cortello,
come unha presa d-herba que ten na cambeleira.
A forma deste soneto é modernista: alexandrinos, rimas cruzadas na oitava, pareados nos tercetos e palabras agudas ao final dalgún verso, innovacións traídas ao soneto hispánico dende Francia por Rubén Darío, que deste xeito o distanciou do soneto petrarquista, imperante en Iberia dende o século XV ata finais do XIX. Pero o contido dista moito de ser modernista, nada de exotismo nin de elegantes xardíns franceses: é un poema descritivo e realista. O fogar rural galego descríbese co minucioso agarimo de quen o coñeceu intimamente e o lembra con nostalxia dende lonxe, pois aos 22 anos o autor marchou para Bos Aires, de onde nunca chegaría a regresar á Terra. Un exame da selección de detalles e da súa ordenación, sen embargo, amosa que aquí temos moito máis que un simple cadro pintoresco.
Todo o soneto vai en tempo de presente, co cal a escena se fai máis inmediata e real. Os principais elementos son nove, agrupados nun trío de tríos: obxectos, persoas e animais. Os primeiros tres versos describen obxectos esenciais para a supervivencia dunha familia pobre, mirando dende abaixo arriba: fogo, comida presente, comida futura. O resto da oitava trata de persoas e das súas actividades. A pesar disto, non hai nela ningunha oración principal con verbo conxugado: todos estos están relegados a cláusulas subordinadas, a diferencia dos tercetos, onde o grilo canta e o xato brúa e come. Os tercetos enfócanse exclusivamente nos animais domésticos, sendo o grilo un animal doméstico por invasión dende a natureza exterior. O efecto xeral é dunha escena estática a pesar das accións individuais que se realizan: un inventario ou unha natureza morta, coa suxerencia incluso de que hai máis vida nos animais ca nas persoas. O único sonido humano é o queixume do vello, e os animais son moito máis ruidosos. Recíbese unha impresión de triste illamento das tres persoas: cada un está adicado ao seu, sen comunicación entre eles.
Na poesía aquilo que non se di é ás veces tan resoante como aquilo que se di. As ausencias poden ser máis elocuentes que as presencias. Onde está o home? Onde está o pai do neno, o marido da dona (substantivo curioso para unha campesiña, que implica un respecto moi especial), o fillo do vello? Podemos conxecturar que está na emigración, igual que o autor do soneto. E ao non ser mencionado, a súa ausencia faise paradoxalmente máis patente: con calquera mención estaría presente. Queda no lar xente que carece de forza física e que fai o que pode para seguir subsistindo. Polo menos hai caldo no pote e xato no cortello. O soneto remata tranquilamente: a vida segue a pesar de todos os problemas que presenta. Resignación, estoicismo. Escritura sutil e intelixente.
Este soneto inglés que fixen é unha tradución do soneto de Avelino Díaz:
Hearth and home
Gorse stems and kindling wood upon the hearth, aflame;
suspended from its chain, a pot where dinner boils;
chourizos and androllas draped on the drying-frame;
and a lady who, spinning some white flax, sits and toils.
A little boy with bleary and smarting smoke-filled eyes
who's drawing back together the embers on the stone;
and a crippled old man, breathing his moans and sighs,
who's trying to keep warm and who mutters alone.
Behind the brands the cat, who's resting with no dread
of being scorched; a cricket is chirping, closeted
in its chink in the stones where it basks in their heat.
A brown calf sends to mother a worried mooing call,
but then, with resignation, standing inside its stall,
it takes grass from the trough and it begins to eat.