Un seminario sobre linguas minorizadas recupera as achegas de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena compartiron ano de nacemento, 1915, e tamén un firme compromiso a prol da dignificación e recuperación das súas linguas. Ambos os dous intelectuais son homenaxeados estes días nun curso de verán da Universidade do País Vasco, celebrado en Donostia, no que se pretende analizar o papel do éuscaro e das demais linguas minorizadas no contexto multilingüe actual. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, foi o encargado na mañá do luns de repasar as biografías de ambos os dous intelectuais e a súa relación.

Xesús Alonso Montero, nun momento da conferencia sobre Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena que impartiu este luns en Donostia.


O seminario O lugar do euskera e as demais linguas nun contexto multilingüe, á luz das achegas de Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro servirá, entre o 1 e o 2 de setembro, de punto de encontro para analizar as contribucións de ambos os dous intelectuais á sociolingüística, así como debater sobre as posibles sinerxías que poidan xurdir entre o galego e o éuscaro "para que atopen o seu lugar nun contexto globalizado e multilingüe", salienta a organización.

O presidente da RAG repasou as biografías dos dous homenaxeados e a relación entre eles, que comezou nos anos 40. Piñeiro trasladouse en 1942 a Madrid a estudar a especialidade de Filosofía. Alí compartiu pensión na rúa Longoria, 10 co despois eminente lingüista e codificador do éuscaro. En 1946, tras regresar de París, onde fora o representante do galeguismo nas negociacións con goberno republicano no exilio, Piñeiro foi detido no transcurso dunha xuntanza clandestina nunha cafetería madrileña. Ao día seguinte, logo do rexistro da pensión na que se hospedaba, eran detidos tamén os irmáns Saco, Camilo e Cesáreo, e o propio Koldo Mitxelena.

Piñeiro compartiu con Mitxelena, entre 1946 e 1948, dous dos tres anos que botou na cadea, nas prisións de Alcalá de Henares e Yeserías. Alí consolidarían un grande amizade. "Fomos como irmáns", chegou a dicir Piñeiro. Esta relación permitiulle ademais ler libros de lingüística que o futuro filólogo recibía, lecturas que están en parte na base da formación nesta materia que anos despois demostrou Ramón Piñeiro.

O seminario comezou este luns coa intervención do tamén académico e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que pronunciou a conferencia Retrato dun grupo de presos na ‘universidade' de Alcalá: de Galeusca ao europeísmo. O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, intervirá o martes con A lingua galega baixo o franquismo: ideas lingüísticas e praxe idiomáticas de Ramón Piñeiro.

Dirixido polo Goberno Vasco e o Clúster de Sociolingüistica, o curso de verán conta tamén coa Xunta de Galicia, co Consello da Cultura Galega e co Centro Ramón Piñeiro entre os organizadores.