Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Oriana Méndez, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre son os autores e autoras que protagonizarán o recitado da proposta titulada Poesía e sociedade de onte a hoxe. Dialogando con Celso Emilio Ferreiro. O académico Xesús Alonso Montero será o encargado da loanza do homenaxeado e García Mc da parte musical.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre; e a coordinadora do encontro, a académica de número María López-Sández, abrirán o programa, organizado co apoio económico do Concello da Coruña e que poderá seguirse en directo dende academia.gal.
A proposta temática do Día da Poesía, arredor da función social deste xénero, conecta coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, talvez, aspirar a mudar as cousas”, contextualiza María López-Sández. “A poesía como ferramenta serve para enfrontarnos ás nosas inquietudes existenciais pero tamén aos nosos desafíos colectivos. A palabra protesta sempre estivo aí, e na poesía galega quizais con máis razón, con voces tan potentes como as de Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio, porque a propia escolla da lingua implica xa un compromiso social de partida”, lembra. “E de aí parte esta idea de dialogar con Celso Emilio Ferreiro e de facelo contando coas voces que hoxe escriben poesía neste contexto de apertura de desafíos éticos cara ao futuro”, conclúe a académica.
Os textos escolmados para a celebración serán recollidos nunha plaquette coa que se agasallará o público e que se incorporará en versión dixital á sección de publicacións desta páxina web.