Un concerto conmemorativo poralle o ramo o vindeiro luns aos XXX Cursos de lingua e cultura galegas

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá o vindeiro luns 24 de xullo, ás 11:00 horas, a cerimonia de clausura dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", organizados pola Real Academia Galega coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC e o apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. No acto celebraranse os trinta anos de vida deste programa contando como convidado especial cun dos alumnos das primeiras edicións, o profesor xaponés Takekazu Asaka, auténtico embaixador da cultura galega no seu país, e cun concerto conmemorativo a cargo de dous compatriotas, a soprano Miho Haga e da pianista Yukiko Yamagami, que interpretarán poemas de autores galegos e cancións populares de noso.

Alumnado da trixésima edición dos Cursos de lingua e cultura galegas durante un roteiro musical por Santiago de Compostela


Takekazu Asaka intervirá na cerimonia xunto ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o reitor da USC, Juan Viaño; o académico e codirector dos cursos Xosé Luís Regueira; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e o secretario do ILG, Francisco Dubert.

No acto entregaránselles os seus diplomas ás máis de 80 persoas, procedentes dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía que participan nesta edición. Desde a súa creación en 1988, polos cursos pasaron máis de 2.600 estudantes de todo o mundo. Nas súas aulas aprenderon a nosa lingua moitas das persoas que hoxe verten a outros idiomas a nosa literatura e referentes nos estudos galegos a nivel internacional, como é o propio Takakazu Asaka, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras.