
Moraña acollerá o mércores 22 de abril a primeira charla dunha xira que visitará ata outubro as catro provincias. Na de Pontevedra fará tamén parada en Poio e nas Neves; en Lugo chegará a Baleira, Quiroga e Paradela; en Ourense estará presente en Xunqueira de Ambía, O Bolo e O Pereiro de Aguiar; e na Coruña pasará por Valdoviño, Betanzos e Boimorto.
A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu este mediodía a presentación da campaña Toponimízate 2026 nunha rolda de prensa en que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; e mais o encargado de impartir as charlas, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG.
Henrique Monteagudo animou a veciñanza e as asociacións dos concellos implicados en Toponimízate 2026 a asistir ás charlas e se sumar a Galicia Nomeada. “Alén de poñermos en valor a importancia histórica e cultural da toponimia, con esta iniciativa tamén se potencia a función que exerce este valioso herdo como unha maneira de vincular afectivamente a xente coa terra”, destacou. O presidente da RAG referiuse ademais á función informativa duns encontros nos que haberá ocasión de comentar os cambios rexistrados na actualización do Nomenclátor de Galicia, levada a cabo polo Seminario de Onomástica da Academia e recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou en termos similares a “importancia da implicación de toda a poboación coa conservación e recuperación dun dos nosos maiores tesouros, que é a toponimia”. “Así quedou demostrado co traballo realizado para actualizar o Nomenclátor de Galicia, onde foi de grande axuda a colaboración cidadá para xeorreferenciar unha gran cantidade de microtopónimos e recoller a tradición oral asociada aos nomes dos nosos lugares”, engadiu.
Desenvolvemento de cada charla Toponimízate
Vicente Feijoo repasou os bos resultados de Toponimízate nas oito edicións que xa se levan executadas, dos contidos que trata en cada unha das charlas e dos seus obxectivos. Cada relatorio comeza cunha introdución xeral para que as persoas asistentes coñezan a riqueza toponímica que ten o noso país, un patrimonio que corre risco de se perder debido aos cambios de uso do territorio, o abandono dos modos de vida tradicionais e o despoboamento que vive Galicia nas últimas décadas.
Na segunda parte das charlas explicarase con detalle o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza e a tradición oral vencellada a eles. As utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada, será outro dos temas que se aborde.
Por último, cada obradoiro pecharase cunha parte en que se tentará deitar luz sobre a o orixe e significado dos nomes de parroquias e aldeas que forman parte de cada concello. Neste último apartado, o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega elaborou arredor de 1.500 etimoloxías para o que contou coa colaboración do académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza. Como novidade da edición deste ano, Vicente Feijoo mencionará os cambios que se introduciron na última versión do Nomenclátor de Galicia relativos a cada concello que se visite e explicará a motivación desas mudanzas.
Concellos que visitará a campaña Toponimízate 2026
Este mesmo mes de abril comezará a campaña Toponimízate 2026, que se prolongará ata outubro. O concello encargado de abrir o pano será Moraña o mércores 22 de abril, nunha cita que terá lugar no Multiúsos de Moraña a partir das 11:00 horas e á que está convidado o CPI Santa Lucía. Tras este concello pontevedrés seguirán 5 novas citas nos meses de maio e xuño: Poio (sábado 9 de maio ás 11:00 horas na Escola do Campo de Combarro); Xunqueira de Ambía (venres 22 de maio ás 19:00 nas Escolas Vellas) e Valdoviño (venres 29 de maio ás 19:30 horas na Casa da Cultura); Betanzos (venres 5 de xuño ás 19:30 no salón azul do Arquivo Municipal de Betanzos); e Baleira (venres 26 de xuño ás 19:00 no Centro Sociocultural do Cádavo).
Logo da pausa estival, Toponimízate visitará outros 6 concellos: Quiroga (venres 28 de agosto ás 19:00 na Casa da Cultura); Paradela (venres 4 de setembro ás 19:30 no Centro Sociocultural Manuel Oreste); O Pereiro de Aguiar (venres 11 de setembro ás 19:30 no Centro de Maiores dos Gozos); O Bolo (venres 25 de setembro ás 19:00 na sala Coworking da Antiga Casa Cuartel do Bolo); As Neves (venres 2 de outubro ás 20:00 no Mercado das Neves); e pechará a campaña 2026 o concello coruñés de Boimorto o venres 9 de outubro a partir das 11:00 na Casa da Cultura, nunha cita que unirá o alumnado do CPI Armando Cotarelo Valledor e as persoas usuarias do Centro de Maiores do concello.
Criterios de selección dos concellos
Para a elección dos doce concellos que participan nesta edición de Toponimízate tivéronse en conta principalmente tres criterios: o estado de recolleita da súa toponimia tradicional; a ameaza que supón o despoboamento para a perda desta patrimonio; e, por último, o propio interese que amosaron as corporacións municipais ou outras entidades culturais e veciñais en que a campaña visitase o seu municipio. Neste último caso están concellos como Betanzos, Valdoviño, O Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía ou Moraña, que contactaron coa Real Academia Galega ou coa Secretaría Xeral da Lingua e amosaron o seu interese nas charlas para poder colaborar no proxecto Galicia Nomeada.
Todos os concellos anteriores, que non foron obxecto de recollida do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), teñen a maior parte dos seu microtopónimos sen rexistrar, o que supón un risco para a conservación deste patrimonio cultural. Nesta mesma situación están os concellos de Poio, Baleira, Boimorto, Quiroga, O Bolo, As Neves e Paradela. En todos eles buscarase a implicación da veciñanza e dos centros de ensino, onde os houber, para que se sumen ao proxecto colaborativo Galicia Nomeada.
Coa esta novena edición, Toponimízate sumará xa 120 concellos visitados, todos eles integrados na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua.


