Nada no seo dunha familia de artesáns e intérpretes musicais, Susana Seivane sempre dixo que veu ao mundo cunha gaita debaixo do brazo, que non recorda cando comezou a tocala. Dende que en 1999 publicou o seu primeiro traballo, leva editados xa máis de media ducia e ofreceu centos de concertos por todo o mundo. Implicada en proxectos destinados a visibilizar o papel da muller na sociedade, o ano pasado, agasallou o público co álbum Dende o meu balcón, unha compilación das cancións que fixo soar durante o confinamento dende a súa casa de Cambre canda os seus fillos, a irmá e o sobriño, e que foi todo un berro de ánimo para a cidadanía durante a pandemia.
“Mulleres que tocasen a gaita sempre as houbo, pero os prexuízos sociais, o machismo, impedía que o fixeran en público e sobre os escenarios. A palabra gaiteira ata tiña un significado negativo: no dicionario de Juan Cuviero Piñol, de 1876, atribúeselle o significado de muller alegre e casquivana”, conta Susana Seivane. O primeiro gran grupo galego formado só por gaiteiras constituíse en Ribadeo en 1960 baixo o nome As Meniñas da Saudade. “O meu avó falaba delas con admiración”, conta a intérprete, que tivo a honra de coñecer a parte das integrantes da banda. Pero antes delas cómpre lembrar outro nome que merece estar nos libros de historia da música: o de Áurea Rodríguez (Cartelle, Ourense, 1897 - ?), reivindica.
“Áurea Rodríguez foi unha auténtica pioneira. É a primeira muller da que se ten constancia en Galicia que actuase publicamente como gaiteira e ademais era quen lideraba a banda que formou cos seus irmáns, Os Marabillas. Era a directora artística e a representante. O grupo chegou a actuar na Arxentina e na prensa cualificárona como a reina de la gaita gallega. A última actuación de Áurea da que se ten noticia foi no ano 1945 en Venezuela, despois perdéuselle a pista. Malia a súa relevancia, Áurea Rodríguez non sae nos libros escolares de historia da música. Aparezo eu como exemplo de gaiteira e os nenos e nenas non saben que eu tiven unha digna precursora!”, lamenta.
As mulleres, transmisoras da música
Susana Seivane reivindica tamén o papel invisibilizado das mulleres na tradición musical galega. “É moi importante recoñecer a importancia da transmisión oral por parte das mulleres. Miña bisavoa Estrela, que cantaba moi ben, ensinoulle ao meu avó desta maneira moito do repertorio que logo el interpretou como gaiteiro”, ilustra.
A artista medrou noutro momento histórico con menos atrancos, pero aínda queda moito por facer para acadar a igualdade, sinala. “Cando decidín dedicarme ao mundo da música profesionalmente, atopei moi boa receptividade, pero segue habendo moitas cousas polas que as mulleres debemos loitar no ámbito laboral, social e persoal. Noteino sobre todo cando fun nai. Socialmente, segue sen agardarse o mesmo dunha nai ca dun pai. E no terreo profesional, para as mulleres que nos dedicamos ao mundo do espectáculo é tremendamente difícil conciliar: Viaxamos moito e actuamos tarde”, resume.
Hoxe xa non é estraño ver nenas tocando a gaita, pequenas que atopan en artistas como Susana Seivane todo un exemplo. “Cando eu era pequena, non tiña referentes femininos. Había mulleres que tocaban a gaita pero eran anónimas, non actuaban sobre os escenarios. Que hoxe as nenas me vexan a min como un referente, é unha gran responsabilidade, pero tamén un orgullo tremendo”, confesa.
Polo ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo pasarán entre marzo e decembro oito mulleres de recoñecido prestixio que reflexionarán sobre o acadado no eido da igualdade de xénero e sobre o que queda por percorrer un século despois do pasamento da escritora coruñesa. A seguinte sesión, o 3 de xuño, estará protagonizada pola escritora, xornalista e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro.