Sartego de Paio Gómez Chariño no mosteiro de San Francisco de Pontevedra.
 
 Nado no seo dunha familia da pequena nobreza pontevedresa, Paio Gómez exemplifica á perfección a figura icónica do home de armas e de letras medieval. Protagonista dunha brillante e ascendente carreira militar, dirixiu a armada castelá na conquista de Sevilla en 1248 e noutros episodios militares menores polos que foi premiado cos cargos de Almirante do Mar, Meiriño Maior de Galicia e Señor da Vila de Rianxo, entre outros.
Paio Gómez Chariño tivo, ademais, unha participación activa no convulso escenario político dos reinos de León e Castela do século XIII, servindo nas cortes dos reis Fernando III, Alfonso X e Sancho IV e participando nas guerras de sucesión dinástica que seguiron á morte deste último, no transcurso das cales sería el mesmo asasinado en 1295.
Autor de 28 composicións recollidas nos tres cancioneiros medievais, a cantiga de amigo que reproducimos máis abaixo está tirada do libro Cancionero de Payo Gómez Chariño, almirante y poeta (Siglo XIII), publicado por Armando Cotarelo Valledor en 1934.
 Señor fremosa, por Nostro Señor
 e por mesura e porque non ha
 en min senon norte –e cedo será-
 e porque soo o voso servidor
 e pol-o ben que vos quero, outrosí,
 ¡ay meu lume, doédevos de mí!
 Por merced que vos veño pedir
 e porque soo voso e porque non
 cato por al, nen sería razón,
 e porque sempre vos hei a servir,
 e polo-o ben que vos quero, outrosí,
 ¡ay meu lume, doédevos de mí!
 Porque vos nunca podedes perder
 en haber doo de min e por cual
 vos fezo Nostro Señor e por al,
 porque soube en cal sodes conocer
 e pol-o ben que vos quero, outrosí,
 ¡ay meu lume, doédevos de mi!
 Por cuan mansa e por cuan de bon prez
 e por cuan aposto vos fez falar
 Nostro Señor e porque voso catar
 fez mais fermoso de cantas él fez
 e pol-o ben que vos quero, outrosí,
 ¡ay meu lume, doédedovos de mí!


