Santiago acolle a segunda xornada do centenario de Murguía, centrada na súa idea de Galicia

A Coruña foi o seu primeiro fogar e o lugar onde fundou a Real Academia Galega e viviu as últimas décadas, pero Santiago de Compostela tamén tivo un peso relevante na biografía de Manuel Murguía. O historiador, político e escritor pasou gran parte da infancia e os primeiros anos da mocidade nesta cidade, onde volvería vivir en distintos momentos da vida adulta. Santiago puido ser posiblemente tamén o lugar onde, no verán de 1854, no Liceo de la Juventud, coñeceu a Rosalía de Castro, a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, coa que casaría anos despois. A mesma localidade acollerá este xoves, 9 de febreiro, a segunda das xornadas organizadas pola RAG co gallo do centenario do pasamento de quen co tempo se convertería no grande ideólogo do galeguismo e primeiro presidente da Real Academia Galega.

Manuel Murguía. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega

O encontro, centrado na idea de Galicia de Murguía, terá lugar a partir das 17:00 horas no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia, no mesmo edificio onde o académico estudou o bacharelato e onde traballaría na biblioteca universitaria (1892-1893) como xefe de terceiro grao do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e anticuarios. A entrada é libre e a sesión poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da Academia.

O programa consistirá nunha mesa redonda moderada por María José López Couso que contará coas contribucións do politólogo Ramón Máiz e dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares. O profesor Máiz dedicará a súa intervención ao celtismo como paradigma na obra murguiniana; Justo Beramendi falará da súa actividade pública na prensa e na política e Ramón Villares, director da Sección de Historia da RAG e coorganizador das xornadas, falará de Murguía e a súa obra como historiador.

O encontro rematará coa actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC (19:00 horas), que integran Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola.

As Xornadas Manuel Murguía concluirán o xoves 16 de febreiro na Fundación Rosalía cunha mesa redonda sobre literatura e nación con Ana Acuña, Xurxo Martínez e María Xesús Lama. O programa organizado pola Real Academia Galega conta co apoio económico da Xunta de Galicia e coa colaboración da Fundación Rosalía, a USC, a Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña, que acolleu a primeira sesión o pasado 2 de febreiro, día do centenario do pasamento do intelectual galeguista.