Ramón Lorenzo presenta unha obra esencial para coñecer o galego medieval

O documento máis antigo relacionado co mosteiro de Montederramo data do 15 de marzo de 1124 e o último é un pergameo do 25 de marzo de 1560. En total son 1880 documentos de diversa tipoloxía que foron obxecto de documentación e compilación durante máis de trinta anos co académico Ramón Lorenzo á fronte. Todos eles, conservados en distintos arquivos, ven agora a luz nunha obra esencial para o coñecemento do galego medieval que foi presentada o pasado 17 de setembro no propio mosteiro ourensán.

Ramón Lorenzo, segundo pola dereita, no mosteiro de Montederramo cos representantes das distintas institucións que participaron no acto


Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices divulgarase nunha edición en papel e tamén a través de Gallaeciae Monumenta Historica, un proxecto do Consello da Cultura Galega no que colabora a Real Academia Galega. Ademais de reproducir os preto de dous mil documentos, inclúe dous longos apéndices que conteñen dúas cartas executorias, unha de 1520 e outra de 1606, nas que se reproducen moitos documentos anteriores.

Ramón Lorenzo presentou a obra nun acto no que tamén participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luís Regueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez.