
O Museo do Pobo Galego acolle o vindeiro xoves, 3 de decembro, a presentación do volume Domingo García-Sabell. A voz e a palabra, de Teresa García-Sabell Tormo e Siro López Lorenzo. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acompañará os autores nunha mesa na que tamén intervirán Marcos Calveiro, director da Editorial Galaxia, e María Xosé Fernández Cerviño, vicepresidenta do MPG. O acto dará comezo ás 19:00 horas. A entrada é libre.
Domingo García-Sabell. A voz e a palabra parte dos cadernos escritos entre 1957 e 1980 por quen foi presidente da Academia entre 1977 e 1997. As conversas que García-Sabell mantivo con Siro López ao longo de 1993 enriquecen o libro, que vai trazando un retrato da personalidade do médico, destacado ensaísta da súa xeración. Como pensador, García-Sabell interesouse especialmente pola antropoloxía cultural, campo no que afondou sobre todo en temas como a saudade, o erotismo ou a morte.
Elixido membro correspondente da RAG en 1953, seis anos despois, o 20 de xuño de 1959, Domingo García-Sabell tomou posesión da súa cadeira como membro numerario da institución dándolle lectura ao discurso titulado Análisis eisistencial do home galego enfermo. Respondeulle Ramón Otero Pedrayo, quen asinara a proposta do seu ingreso xunto a Leandro Carré Alvarellos e o daquela presidente da Academia, Sebastián Martínez Risco. Tras o pasamento do xurista en 1977, García-Sabell asumiu a máxima representación da RAG durante dúas décadas.


