Incluída na colección As nosas voces, a publicación integra material de distinta natureza: os textos "Pranto polo amigo Daniel", polo presidente do Consello da Cultura Galega e membro de número da Real Academia Galega, Ramón Villares Paz; o estudo introdutorio "Paz-Andrade, os galeguistas, Bos Aires e Pranto Matricial", polo secretario do Arquivo Sonoro de Galicia, Afonso Vázquez-Monxardín; o facsímile de Pranto Matricial en galego e castelán e o CD coa gravación dos poemas que compoñen o libro.
Pranto Matricial, dedicado á memoria do egrexio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, contén seis poemas escritos por Valentín Paz Andrade en 1954 e publicados en 1955 por Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires. A gravación sonora que agora se publica realizouna o autor nos estudos San Martín, en 1957, como complemento á súa participación no programa La hora iberoamericana da Radio del Pueblo, en Buenos Aires.
Na páxina oficial de Valentín Paz Andrade poden escoitarse os poemas de Pranto Matricial na voz do seu autor.