Henrique Mauricio e Carlos Taboada, responsables de Polo Correo do Vento, presentáronlle á Real Academia Galega o novo volume que publican co gallo do Día das Letras Galegas dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras. Cantareiras, A poesía popular nas Letras Galegas 2025 é o título do libriño para o público infantil que levan ás librarías e ás bibliotecas dentro da súa colección Mulleres Galegas, con ilustracións de Tania Solla.
Ambos os autores entregáronlles ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, exemplares deste novo título para a biblioteca da institución, así como d'O Poeta da Terra, pequena biografía de Enrique Labarta Pose.