A RAG quere aproveitar este momento histórico para felicitar a Asociación PuntoGal, a súa directiva –da cal a propia Academia forma parte desde o comezo da súa constitución–, e a toda a sociedade galega que dun xeito decidido traballou por conseguir este identificador para a nosa lingua e cultura.
A RAG desexa tamén animar a todas as empresas, entidades, institucións e persoas a título individual a marcar as súas webs co dominio galego como expresión colectiva da vontade de facer presente o país na rede, a xente que o conformamos, as nosas ideas e os nosos produtos e, en definitiva, a forma na que –como pobo– temos de estar no mundo e de entendelo.
Para saber máis sobre o que é un dominio pódese visitar este achegamento que fai o Portal das Palabras e para coñecer o ".gal", as fases de lanzamento e outras informacións, ir á páxina oficial do lanzamento do dominio.