O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, agradeceu na cerimonia de clausura a participación do alumnado e o traballo "exemplar" do profesorado nunha actividade que se desenvolve coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os "Cursos Galego sen fronteiras" reivindican a cultura e a identidade galegas como "chave que abre unha porta non para dentro, senón para fóra", salientou pola súa banda o director dos cursos e secretario da Academia, Henrique Monteagudo. "E son tamén un encontro multicultural no que Galicia aparece como o Santiago do século XII, un punto de encontro chamado ao convivio (…). Esperamos que levedes un chisco do mellor que temos polo mundo adiante", díxolle ao estudantado.
A secretaria académica dos cursos, Ana Boullón, subliñou na mesma liña que "a lingua é unha das portas máis importantes para coñecer Galicia" e o director do ILG, Ernesto González Seone, expresou a súa satisfacción por que despois de tres semanas o alumnado pase a ser "un pouco dono ou copropietario deste ben que é a nosa lingua e a nosa cultura". Ou dito doutro xeito, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que se convertan en "embaixadores da lingua e da cultura galegas".
No acto de clausura dos cursos participou tamén o presidente da Academia Argentina de Letras (AAL), o porteño de orixe ourensá José Luis Moure, quen lembrou que o galego foi unha lingua estigmatizada e "no caso da emigración, dobremente estigmatizada". Por iso valorou o papel dos intelectuais galeguistas de Buenos Aires, "que non quixeron perdela como lingua de cultura", e felicitouse polo traballo que se está a facer para apuntalalo como "instrumento da cultura galega". A RAG e a AAL colaboran no estudo de autores galego-arxentinos, cunha primeira achega arredor da figura de Francisco Luis Bernárdez.