Na mesma convocatoria, Yolanda Castaño foi distinguida na categoría de Letras; o Museo do Gravado á Estampa Dixital, na de Artes Visual; PistaCatro, na de Artes Escénicas; a Banda de Música Unión de Guláns, na de Música; Eduardo Pardo de Guevara, no de Patrimonio Cultural; Portocabo, na de Audiovisual; e o proxecto Ponte nas Ondas, na de Lingua.
O premio de Proxección Exterior recoñece o destacado esforzo de promoción internacional da cultura galega dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que se celebran cada ano en Santiago de Compostela co apoio económico da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais de estudar lingua e literatura galegas, os alumnos e alumnas asisten a conferencias de artistas e especialistas en distintas disciplinas de prestixio, participan en obradoiros de música e baile tradicional e visitan lugares de interese histórico ou paisaxístico do país, achegándose dun modo integral á cultura de noso.
De volta nos seus lugares de orixe, convértense en embaixadores de Galicia. Entre outros especialistas en estudos galegos, polas súas aulas pasaron Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure; a musicóloga Paulina Ceremuzynska; ou José Alberto Fuentes, director de produción d'O corno, a longametraxe de Jaione Camborda premiada coa Concha de Oro do Festival Internacional de Cine de Donostia.