A Real Academia Galega organiza estes cursos en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 1988. Dende entón, polas súas aulas pasaron preto de 3000 estudantes de múltiples nacionalidades co interese común de coñeceren o idioma e a cultura de noso. Os cursos funcionaron dende o principio como un espazo de proxección exterior de Galicia: boa parte das persoas estranxeiras e doutras comunidades autónomas que hoxe se dedican, dende distintos lugares do mundo, a traducir a literatura galega a outras lingua e a ensinaren o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes alumnas e alumnos deste programa.
A que será a trixésimo terceira edición desenvolverase co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A dirección corre a cargo do académico e membro do ILG Henrique Monteagudo e a secretaría académica asúmea a tamén profesora da USC e académica electa María López Sández.
O programa dos XXXIII Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, coma en anteriores edicións, permitirá que o alumnado goce dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen ás persoas asistentes unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, dende a literaria, lingüística e musical á artística e paisaxística.