Foto de familia dos asistentes á xornada.
Fonte: Concello de Rois
O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, nun momento da súa intervención.
Fonte: Concello de Rois
Pola esquerda, Ramón Varela, Ramón Tojo, Henrique Monteagudo e Blas García na apertura do encontro.
Fonte: Concello de Rois
Pola esquerda, Ramón Varela, Ramón Tojo, Henrique Monteagudo e Blas García na apertura do encontro.
Fonte: Concello de Rois
Rosa Moreiras, María López-Sández, Henrique Monteagudo, Gabino Vázquez-Grandío e Xaquín Loredo na mesa sobre Modo galego, actívao!
Fonte: Concello de Rois
O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, abriu a cita canda o presidente de Alingua, Ramón Varela Rodríguez; o alcalde de Ames, Blas García; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo. A xornada de traballo continuou coa presentación detallada dos catro anos de posta en práctica de propostas para a dinamización da lingua e a súa avaliación nos espazos de educación formal e non formal de Ames. Henrique Monteagudo participou tamén nesta parte do encontro canda a coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG, a académica de número e membro da executiva da RAG María López-Sández; os técnicos do Seminario de Sociolingüística da Academia, Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío; e a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras.
A sesión celebrouse tras a xuntanza mantida entre a RAG e Alingua o pasado mes de maio, na que ambas as partes acordaron iniciar unha liña de colaboración. Esta primeira acción pon o foco nunha experiencia que naceu con ánimo de ser replicable e na que resulta esencial a implicación de entidades locais como as que conforman Alingua, unha rede composta por preto dunha vintena de concellos unidos pola vontade de fomentar todas aquelas accións que teñan como fin un maior uso do galego. “Concibimos Modo galego, actívao! como un proxecto piloto pero coa idea de estendelo a outros concellos”, recorda o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. “A Alingua pareceulle moi interesante e a xornada de hoxe pretende ser un punto de encontro para que os seus socios coñezan co detalle que esixe unha experiencia coma esta, aspectos operativos e metodolóxicos, os recursos que a RAG poría á súa disposición. Entendemos que Modo galego, actívao! sempre vai ofrecer a orientación e o apoio da Academia, pero o protagonismo ten que responder a cada unha das localidades e centros que se comprometan con el”, apunta o presidente da RAG.
O presidente de Alingua salienta a importancia dun acompañamento como o que ofrece a RAG a través de Modo galego, actívao!, e tamén a “capacidade única” dos propios concellos, pola súa proximidade á cidadanía, para “sermos exemplo e crear contextos de uso efectivo para a lingua”. “A colaboración da Academia é unha oportunidade para seguir avanzando xuntos. As nosas experiencias previas en proxectos colaborativos como Apego ou Youtubeiras amosan que, cando unimos esforzos, conseguimos resultados sólidos e inspiradores para o noso idioma. Agora queremos sumar os concellos que forman parte de Alingua a este programa posto en práctica con éxito en Ames para multiplicar espazos de uso para o galego”, engade Ramón Varela Rodríguez.
Na promoción da lingua todas as administracións, incluídas as locais, teñen responsabilidade, lembra o alcalde de Ames, Blas García. “Temos a obriga de traballar por manter e expandir a principal característica que nos define como galegos: o idioma. Con este programa tentamos chegar á rapazada, amosarlle a riqueza do galego e promovelo dunha forma lúdica e distendida, mediante retos e xogos. Nun momento como o actual, no que vemos que comezan a rexurdir discursos extremistas e negacionistas do galego que criamos superados, é importante mostrar fortaleza e orgullo polo noso”, reflexiona o rexedor.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, felicita a RAG e ao Concello de Ames pola posta en marcha de Modo galego, actívao! e pon o acento igualmente na necesidade de apostar pola cooperación entre institucións para que chegue a máis municipios. Tojo lembrou nesta liña que Rois é un dos concellos fundadores da asociación Alingua, e que participa en iniciativas como Apego, Youtubeiras e o Club de Debate.
Unha colaboración que parte do diagnóstico
A colaboración entre o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e o Concello de Ames arrincou anos antes da posta en marcha de Modo galego, actívao! O proxecto deseñouse precisamente tras a realización do seu mapa sociolingüístico escolar, no que se constatou como o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia.
O curso pasado Modo galego, actívao! chegou na que foi a súa terceira edición a máis de 2.500 nenos e nenas das escolas infantís e dos colexios públicos de Ames, o maior concello da área periurbana de Santiago de Compostela. Ao longo dun mes, a rapazada asumiu o reto de falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. Como experiencia piloto, implicou estudantes de 1º e 2º da ESO dos IES de Bertamiráns e O Milladoiro.