Un total de oitenta centros de educación infantil e primaria de toda Galicia concorreron á última edición de Contádenos o voso Día das Letras, o concurso creado pola RAG ao abeiro do proxecto Primavera das Letras. Dende esta páxina web, a RAG forneceu a comunidade educativa, co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, de recursos lúdicos e didácticos para achegar os nenos e nenas á figura de Carballo Calero. As propostas presentadas desenvolvéronse nesta edición tanto na primavera, durante o primeiro estado de alarma, como no outono, cadrando coa extensión da celebración por parte da Real Academia Galega por mor da pandemia.
O CEIP Saco e Arce de Toén participou cunha das iniciativas máis orixinais para achegar os nenos e nenas á vida e á obra de Carballo Calero. O profesorado animou o alumnado a profundar na súa vida e no seu legado literario e a localizar en Ourense a rúa dedicada ao filólogo e escritor. Unha vez atopada, os nenos e nenas deixaron nela debuxos, poemas e outras creacións a modo de homenaxe.
O resultado pode verse nun vídeo de resumo no que Xoana fala da súa lectura de As pitas baixo a chuvia, Pablo e a súa nai len un fragmento do mesmo relato, e Noa, Aixa e Luán recitan versos do escritor na rúa do autor. Outros compañeiros levaron a rúa Carballo Calero ata as súas casas e comparten tamén lecturas do escritor nun vídeo que remata con fotografías que ilustran máis homenaxes da comunidade educativa. A CEIP Saco e Arce compartiu ademais a actividade con outros colexios galegos pedíndolles que se sumasen a esta iniciativa dende as demais rúas de Galicia que levan o nome de Carballo Calero. Os nenos e nenas de infantil deste colexio tamén participaron nas Letras Galegas 2020 ilustrando As pitas baixo a chuvia. Por último, as familias celebraron o 17 de maio con música tradicional.
As contribucións do CEIP Juan Fernández Latorre son outro bo exemplo do gran labor do profesorado e das familias durante o confinamento para facer realidade a celebración das Letras Galegas. Entre outras propostas, o alumnado de 5 anos gravou dende a casa unha dramatización do devandito relato, inspirado na infancia do autor e moi empregado nas aulas do alumnado de infantil o do primeiro ciclo de primaria de toda Galicia pola súa idoneidade para estas etapas. O equipo de dinamización lingüística tamén se implicou de cheo na celebración e preparou dous xogos sobre Carballo Calero, baseados no xogo da ruleta e nos birlos.
Os fogares foron de igual xeito o escenario da celebración das Letras Galegas 2020 da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela. O alumnado deste colexio pontevedrés percorre a biografía de Carballo Calero, recita poemas e le outros fragmentos da súa obra nun dos vídeos gravados durante o confinamento, no que tamén participa o profesorado. Outra peza ofrece unha adaptación do relato As pitas baixo a chuvia, neste caso da intérprete de lingua de signos do centro; e o equipo de dinamización lingüística preparou tres Pasapalabras sobre o autor adaptados a cada un dos ciclos de primaria.