Oitocentas cincuenta historias optan aos premios do IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal

O prazo para participar no IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal concluíu o pasado 28 de febreiro coa presentación de 850 historias de ata 200 palabras nas tres categorías establecidas para todas as idades. Tras a lectura dos textos e as correspondentes deliberacións dos xurados, ambas as entidades agardan anunciar cales son os gañadores na primeira semana do mes de xuño.

Posteriormente, coma nas edicións pasadas, os contos premiados recolleranse nunha publicación dixital. As nove historias gañadoras tamén se poderán ler canda as finalistas na revista Luzes, que colabora con esta iniciativa desde a súa posta en marcha.

Na categoría de persoas adultas presentáronse 425 relatos que lerán os académicos Víctor F. Freixanes e María López-Sández; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a filóloga e membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e a filóloga Inés Sánchez, asesora de Luzes.

Os máis de 400 textos presentados nas categorías infantil e xuvenil avaliaranos o xurado composto polas académicas Fina Casalderrey e María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e directiva de PuntoGal, Concha Losada; e o xornalista Fernando Mahía, membro do consello de redaccións de Luzes.