
Entre as case mil historias presentadas dun máximo de 200 palabras, os xurados recoñeceron ademais como finalistas seis textos de Marisa Vidal Collazo (1966), natural de Corme e veciña de Santiago de Compostela; Sara Jul Rivas (1972), de San Cibrao (Cervo); o compostelán Anxo Rey López (2010); Itxaso Illarramendi González (2010), veciña de Vigo; Airela Ónega Ferreiro (2015), de Lugo; e Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño, gañador do terceiro premio na mesma categoria na edición do ano pasado.
A RAG, PuntoGal e Luzes, revista que colabora na organización do concurso, entregarán os premios o venres 18 de xullo nun acto aberto a todo o público que se celebrará no salón de actos da Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). As historias gañadoras poderán lerse nunha edición especial en liña que se publicará nas páxinas web das entidades convocantes e relatos.gal, e tamén, canda as finalistas, en Luzes.

Categoría de persoas adultas
Natural e veciño de Lugo, Santiago Argüeso Galván fíxose co primeiro premio de adultos coa historia titulada “O cadro”, 169 palabras que conmoven co ollada que ofrecen sobre a perda daquilo que marca a cotiandade dunha vida, destacou o xurado desta categoría, composto polo académico de número Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico Manuel González, a académica correspondente Débora Campos, a xornalista Yolanda Virseda e o director xeral de PuntoGal, o xornalista Darío Janeiro.
Santiago é filólogo de formación e nestes momentos traballa nunha cadea de supermercados, aínda que a docencia é a súa vocación. Lector apaixonado, a escritura está tamén presente no seu día a día. Escribe desde que era un pícaro, de relatos a “simulacros de obras teatrais”. “Incluso algunha idea de novela paseou e pasea pola miña cabeza, mais todo isto sempre sen pretensións de chegar a maiores”, confesa. Ata o momento publicara algúns pequenos poemas soltos e artigos en revistas universitarias e nunca se presentara a un certame literario.
Damián Fernández Rodríguez gañou o segundo premio con “Lagamei Lalo”, un relato de 106 palabras. Naceu en Ourense, medrou en Pontevedra e agora vive en Barcelona, onde traballa no ámbito da tradución, en procesos de calidade lingüística para empresas tecnolóxicas. “Escribo dende hai anos, tanto microrrelatos coma textos máis longos, por gusto persoal e por explorar outras formas de expresión”, conta. O segundo premio nesta convocatoria é o seu primeiro galardón literario e conségueo cun relato “moi especial” para el. O xurado sinala que esta historia ilustra a importancia das palabras e de formular ben as preguntas, e tamén dalgún xeito un tempo en que non se está disposto a sufrir, moito máis que a vida implique sufrimento.
Rebeca Lema Martínez mereceu o terceiro premio coa historia titulada “Tan duro”, un texto de 144 palabras no que constrúe con humor un personaxe que non é o que inicialmente o lector pensa. Con raíces familiares en Laxe, naceu na Coruña, viviu tamén en Vigo e Santiago de Compostela, e desde 2013 reside na capital de Polonia, onde exerce a docencia. En 2022 saíu do prelo o seu libro de relatos Historias de amor para nefelibatas e tamén escribe novelas baixo pseudónimo, unha delas xa publicada e outras dúas en camiño.
Marisa Vidal Collazo, finalista na mesma categoría con “Seur”, é docente de Física e Química e conta tamén con varias obras nas librarías, unha delas de carácter colectivo como parte das Comadres das Letras e outras coas asociacións Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas. En 2022 publicou o seu primeiro libro en solitario, Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV. A mención do xurado do concurso da Real Academia Galega e PuntoGal súmase aos recoñecementos que recibiu por outros relatos nos certames que organizan Buserana, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e a Biblioteca da Deputación da Coruña.
Tamén resultou finalista “F+G=0”, de Sara Jul Rivas, profesora de Matemáticas. Hai uns meses Sara apuntouse coa súa filla a un obradoiro de escritura con Antía Yáñez e foi así como se animou a concursar nunha edición na que, destaca o xurado, se constata o aumento progresivo do nivel, edición tras edición.
Xuvenil
Nas categorías xuvenil e infantil o xurado compuxérono os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a filóloga Cristina Ríos en representación de PuntoGal; e mais o editor e xornalista César Lorenzo. De acordo coa súa escolla, os dous primeiros premios para persoas de 12 a 17 anos son para dúas alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.
Yanira Ansede Iglesias é a gañadora do primeiro xuvenil co relato titulado “No tempo esquecido”. Conta que non escribe moito, pero que ten moitas historias na cabeza, e gústanlle os coches e o fútbol. “Xogo dende os 4 anos e son afeccionada do Dépor”, explica. Mencía Rodríguez Lorenzo conseguiu o segundo galardón xuvenil con “A chave”. Naceu nunha familia que lle inculcou o amor á lectura, e tamén á escritura, na que se iniciou en 2016 cando, cadrando coas Letras Galegas de Manuel María, a súa avoa paterna a agasallou cun exemplar d’Os soños na gaiola. “A noite que nunca olvidarán” valeulle a María Conde Alba (2008), veciña da Coruña, o terceiro premio. Estuda o bacharelato internacional no Colexio Eirís e conta que lle gusta o piano dende os catro anos e pasar o tempo libre coas amizades.
O xurado destacou así mesmo como finalistas os relatos “Esculcando na memoria”, de Anxo Rey López, alumno de terceiro da ESO do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, que salienta que se presentou ao concurso animado pola súa profesora Lupe García Prieto; e “Éxtase”, de Itxaso Illarramendi González, alumna da Compañía de María de Vigo, apaixonada da lectura e da escritura e gañadora xa, malia a súa mocidade, dunha morea de premios. O último deles consistiu na súa inclusión na Lista de honra de prata do Premio Jordi Sierra 2025.
Infantil
A coruñesa Ana López Canosa, alumna de sexto do CEIP Zalaeta, é a gañadora do primeiro premio infantil con “A negrura da noite”. Gústalle a ler e escribir desde moi pequena, comezou a facelo a carón da súa avoa e levou xa algún outro premio literario, tanto escribindo poesía coma contos. A lectura e a escritura son tamén parte da vida de Laura Álvarez Barrio, alumna de sexto do CEP Santa Mariña de Redondela, gañadora do segundo premio infantil con “O libro do tempo esquecido”. Ademais dos libros, nos que atopa mundos e xentes inimaxinables e fantásticos, gústalle debuxar.
Irene Suárez Rodríguez, alumna de 9 anos do CEIP das Mercedes de Lugo, é a autora de “O murmurio da montaña”, o conto distinguido co terceiro premio. Ela é outra devota da lectura, encántalle ademais a música e pasar tempo coas amigas. No mesmo colexio lugués estuda Airela Ónega Ferreiro, de 10 anos, outra apaixonada da lectura e tamén de falar, confesa. O seu relato “Desexos voadores” é un dos finalistas canda “Indisciplina planetaria”, de Xoel Villar Castro, de 11 anos. Na edición anterior Xoel mereceu o terceiro premio deste concurso, e agora colleita un novo éxito para o CEIP de Castrelo de Miño neste concurso.