O Seminario de Onomástica explícalle á veciñanza da Caniza as razóns do cambio do nome do concello

A Real Academia Galega explicoulle este sábado á veciñanza da Caniza as razóns pola que ditaminou mudar a denominación deste concello pontevedrés, ata agora oficialmente A Cañiza, para que a forma xenuinamente galega sexa recoñecida na vindeira actualización do Nomenclátor de Galicia, a listaxe que recolle os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma. O auditorio da Casa da Cultura acolleu unha xuntanza na que tres académicos especialistas en toponimia, membros do Seminario de Onomástica da institución, expuxeron as razóns lingüísticas, históricas e normativas que xustifican esta decisión, que atinxe tamén a denominación da parroquia homónima.

O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina; a secretaria da RAG, Ana Boullón, e o tamén académico de número Gonzalo Navaza compareceron ante os veciños e veciñas da Caniza xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o alcalde, Luis Piña, quen presentou  e moderou a sesión.

A reunión permitiu que o público coñeza en detalle a investigación realizada pola RAG de cara a propoñer a restitución da forma galega do nome deste municipio da comarca da Paradanta. O traballo realizouse no marco das competencias asignadas á Academia pola Lei de Normalización Lingüística, entre as que figura estudar e propoñer a restauración da onomástica galega de cara á súa oficialización. 

A proposta de restablecer a forma A Caniza foi validada este verán pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, xunto ás modificacións que implican outros once nomes de concellos, a inclusión de topónimos de novas entidades de poboación e cambios, na maioría dos casos menores, doutros nomes que designan parroquias e lugares. Tras este visto bo, entrará en vigor unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta.

Un topónimo atestado desde a Idade Media baseado nunha palabra común 
A RAG iniciou de oficio o proceso de revisión para restaurar a forma propiamente galega A Caniza, topónimo tomado dunha palabra do léxico común, caniza, que fai referencia nas súas distintas acepcións a estruturas ou obxectos realizados mediante varas ou canas tecidas. Trátase, por tanto, dun derivado de cana (< latín CANNA) a partir do étimo CANNICEA. Segundo sinala Gonzalo Navaza na obra Fitotoponimia galega, as voces canizo e caniza aluden na toponimia ao uso de canas ou varas para pechar leiras ou defender do vento as hortas ou plantacións, aínda que non se pode descartar a posibilidade dun uso como sinónimo de cabaceiro ou hórreo.

Canto ás súas orixes, o topónimo está atestado desde antigo: na Idade Media a localidade da Caniza estaba incluída no couto das Achas, pertencente ao mosteiro da Franqueira. Na documentación deste cenobio e mais no de Melón atópanse rexistros d’A Caniza (“outra nosa leyra e seve da Caniza”, ano 1297) que talvez non se refiren a esta localidade, pero que en calquera caso testemuñan a existencia do nome na toponimia da zona. Non ofrece dúbidas, en cambio, un testemuño do ano 1589 en que se cita a “villa de la Caniça, que es en el balle de las achas & reino de Galicia”.

"En la villa de la Caniça" nunha relación de bens de Álvaro Buiza, datada en 1589.

Nas referencias en textos escritos en castelán, o topónimo aparece frecuentemente castelanizado como La Cañiza, e con esta forma adoita rexistrarse na documentación posterior á creación da parroquia. Con todo, en diversas fontes coma o Catastro de Ensenada (1753) e o seu expediente de comprobacións (1764), á beira da forma deturpada tamén se rexistra en ocasións a forma lexítima.

“Lugar de la caniza” no Catastro de Ensenada (1753)
“al sitio do rregueiro da Caniza” nas Comprobacións do Catastro de Ensenada (páx. 216)

Tamén anotou a forma propia sen castelanizar o padre Martín Sarmiento na súa Viaje a Galicia de 1755: “Y la altissima cordillera de Franqueira, Caniza, y Paradante o Pedra de Anta que es el remate azia Mourentan”.

Viaje a Galicia (1754-1755) de Sarmiento, páx. 101"

Desde o nacemento do concello, nas primeiras décadas do século XIX, empregouse na súa denominación oficial a forma deturpada La Cañiza ou simplemente Cañiza. Esta figura, por exemplo, no repartimento xeral publicado en 1821 onde aparecen relacionados os concellos e partidos xudiciais que formaban parte de Galicia.

O nome oficializado xa no século XIX contribuíu a fixar o topónimo castelanizado entre a poboación. Porén, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puido comprobar que a memoria do orixinario A Caniza sobreviviu ata actualidade entre os falantes da zona, especialmente nos de maior idade.

Por todo isto, e tendo en conta que a lei establece que a forma oficial dos topónimos de Galicia é unicamente a galega e que a da Cañiza é allea á lingua galega, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega propón oficializar o topónimo A Caniza para o nome da vila, da parroquia e do concello.

Os académicos Gonzalo Navaza, Ana Boullón e Antón Santamarina co alcalde da Caniza, Luis Piña

Na mesa, pola esquerda, Gonzalo Navaza, Valentín García, Luis Piña, Antón Santamarina e Ana Boullón. Fonte: Concello da Caniza