Como criterio xeral, o Seminario de Onomástica da RAG segue as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), baseadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal. Pero non sempre é posible facelo, debido á existencia de formas históricas na tradición de cada lingua ou a problemas de transliteración cando os nomes proceden, como sucede cos ucraínos, dunha lingua que se escribe con caracteres diferentes. Neste último caso procúrase manter a coherencia das solucións propostas e ter en conta a harmonía coas linguas veciñas e internacionais, e mais a lexibilidade para a comunidade galega, explica o Seminario de Onomástica.
O nome da capital de Ucraína difundírase internacionalmente a través da adaptación rusa, Kiev. Pero tras a independencia desta antiga república soviética, o goberno ucraíno promove para os usos internacionais Kyiv, un exónimo baseado nun sistema de transliteración que parte da pronuncia autóctona do nome. Esta solución foi recoñecida polo grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU) e é na que se basea Kíiv, adaptada ao sistema ortográfico galego, para posibilitar que se poida ler sen problemas.
Outros topónimos ucraínos translitéranse ao uso internacional co dígrafo <kh> para representar o son fricativo velar xordo, /x/, ausente do sistema consonántico galego. Nestes casos, proponse seguir a grafía internacional pero empregando o sistema de acentuación da lingua galega, para facilitar a lectura de topónimos como Khersón e Khárkiv.
O Seminario de Onomástica abordou tamén a denominación doutras localidades de Ucraína como Lviv. Este é o nome oficial dunha cidade que foi coñecida historicamente en varios países europeos coa súa tradución ao grego, Leópolis (así se lle chamou en italiano, portugués ou castelán). A RAG considera correctas en galego as dúas formas, a oficial e a versión latinizada.
Outros topónimos que foron tratados, algúns dos cales xa constan no Dicionario da RAG, son Belarús (xentilicio belaruso/belarusa, bielorruso/bielorrusa), Mariupol, Luhansk, Donbás, río Dniéper, río Donets, Donetsk (cidade), Sebastopol, Odesa, República Moldova (xentilicio moldovo/moldova).