O presidente da Real Academia Galega participa na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires

Con Santiago de Compostela como cidade convidada de honra, as letras galegas terán especial protagonismo na 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, pola que se prevé que pasen ata o vindeiro 9 de maio un millón de visitantes. A Real Academia Galega estará representada nesta cita polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, que desenvolverá unha intensa axenda de actos de promoción e difusión da cultura galega. A feira servirá ademais de escaparate das obras editadas pola RAG e contará, entre os preto de trinta autores que forman parte da delegación galega, coa participación dos tamén académicos de número Manuel Rivas, Fina Casalderrey ou Víctor Freixanes.

Imaxes: Cortesía FEL Buenos Aires/Oscar A. Verdecchia


Tras a inauguración oficial da feira celebrada onte, os autores e autoras galegos inician hoxe un amplo programa de actividades que se estenderá durante os vindeiros 17 días. O presidente da Academia iniciará a súa axenda de actos o vindeiro mércores, 27 de abril, acompañando ao director xeral de Galaxia e académico, Víctor Freixanes, na presentación do selo literario Mar Maior, a aposta da editorial viguesa para proxectar a cultura galega en todo o mundo e noutras linguas. Ao día seguinte, Alonso Montero e Freixanes volverán compartir mesa nun coloquio sobre Castelao en Arxentina e na presentación de En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil, 1936-1939, un dos títulos de Mar Maior, que recolle textos xornalísticos de Eduardo Blanco Amor. Horas antes, o presidente da RAG participará na entrega dos premios do concurso literario "Galicia entre nosotros", no Museo Nacional de Arte Decorativo.

O estado da literatura galega na actualidade será abordado na mañá do 29 de abril nun encontro con escritores e intelectuais que contará tamén con Xesús Alonso Montero e os académicos Fina Casalderrey, Víctor Freixanes e Ramón Villares. Xa pola tarde, o presidente da RAG presentará o libro Cartas de un condenado a muerte. Los últimos días en prisión en 1936 y 1937 del republicano gallego José Mejuto (Alvarellos Editora) xunto a Ana Paula Mejuto, neta do protagonista da obra; e acompañará a María Lopo, autora d'O tempo das mareas. María Casares e Galicia, e Ramón Villares na presentación deste libro editado polo Consello da Cultura Galega.

A relación entre as letras galegas e as arxentinas merecerá outro coloquio, o sábado 30 de abril, protagonizado polo presidente da RAG e o presidente da Academia Argentina de Letras, o filólogo de orixe galega José Luis Moure. O domingo 1 de maio Xesús Alonso Montero intervirá noutra mesa redonda sobre a revista Correo Literario (1943-1945) e a súa repercusión nas letras arxentinas e, por último, o luns 2 de maio achegarase ata o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo para dialogar co alumnado e terá un papel protagonista na homenaxe que se lle renderá ao escritor Lorenzo Varela na Federación de Asociacións Galegas en Arxentina co gallo do centenario do seu nacemento.

Ademais de presentar a súa nova novela, O último día de Terranova (Xerais), na propia feira, Manuel Rivas tamén visitará, o vindeiro luns, o centro educativo Santiago Apóstolo, onde recibirá o premio Rosa dos Ventos. Un día antes, subirá ao escenario do teatro Bambalinas con Yolanda Castaño, Luís González Tosar, Antonio Requeni e os cantautores César Isella, Enrique Llopis e Lorena Lores no recital "La poesía al servicio de la verdad: por la paz en Latinoamérica". Rivas intervirá igualmente na presentación da Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín e nunha homenaxe a Valle-Inclán no Centro Gallego.

Pola súa banda, Víctor Freixanes desenvolverá unha ampla axenda arredor da feira porteña participando en coloquios e presentacións de obras de Galaxia e Mar Maior. Unha delas é Dúas letras, o libro e a película do mesmo nome que a súa autora e guionista, Fina Casalderrey, presentará na tarde (hora local )deste venres, 22 de abril, no Centro Galicia. A presentación repetirase ao día seguinte no espazo expositor de Galicia e Santiago de Compostela, que tamén servirá de escenario para dar a coñecer ao público asistente á feira Querido Tomás, o audiovisual baseado na novela homónima de Xosé Neira Vilas, adaptada ao cine por Casalderrey e na que aparece o autor de Gres. A escritora terá ademais ocasión de manter un encontro con lectoras e lectores. A escritora achegarase ademais ás bibliotecas municipais para conversar cos usuarios e explicarlles as claves das súas obras.