No encontro que se desenvolveu na sede da Delegación do Goberno en Galicia tamén participaron a secretaria da RAG, Ana Boullón; a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino; e a tesoureira, María López-Sández.
Henrique Monteagudo congratulouse polo anuncio que lles trasladou Pedro Blanco da sinatura dun convenio entre o Goberno de España e a Xunta de Galicia para a implantación do galego no ámbito dixital da Xustiza. Ao seu abeiro, o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes ofreceralle á Comunidade Autónoma de Galicia un avance específico para garantir a utilización do galego no servizo público de Xustiza. “Imos seguir traballando para que falar galego sexa un exercicio pleno de liberdade e de dereitos lingüísticos recoñecidos e garantidos”, salientou o delegado.
Canto á rehabilitación integral da sede da Academia na rúa Tabernas da Coruña, que está a realizar o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, ambas as partes comentaron a previsión da reapertura cadrando, o ano que vén, co 120 aniversario da creación da Real Academia Galega.



