O presidente da RAG recibe en San Caetano a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

O presidente da Real Academia Galega recibiu esta mañá de mans do conselleiro de Cultura a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega encargado pola Xunta de Galicia a un equipo de traballo de 130 profesionais. Henrique Monteagudo agradeceulle a José López Campos a deferencia de lle entregar persoalmente en San Caetano o documento elaborado nun momento en que, recorda, o galego afronta unha situación “delicada” e “moi preocupante” pola rotura da transmisión xeracional da lingua, na que interveñen factores como o papel desgaleguizador do sistema educativo, a presión para o cambio cara ao castelán que se produce sobre todo nos ámbitos urbanos ou a influencia dos novos medios de comunicación. Confiou neste sentido en que, á espera de coñecer o contido e poder analizalo con detemento, o texto ha ser “suxestivo” e ha conter ideas moi boas e útiles.

 

Henrique Monteagudo, no centro, recibiu o documento de mans do conselleiro José López Campos nunha xuntanza na que tamén participou o secretario xeral Valentín García

Cadrando cos vinte anos do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a RAG fixo o Día das Letras Galegas de 2024 un chamamento á procura dun pacto que, alén de cambiar o discurso público que se transmite desde o ámbito político, se traduza en medidas efectivas para mellorar a situación do galego. Tras se coñeceren os últimos datos do IGE sobre o uso do galego, a chamada reafirmouse a finais dese mesmo ano cunha declaración institucional do pleno da Academia que reclamaba a revisión de dito plan contando cos axentes sociais. “Entendo que o proposta de actualización do Plan Xeral é unha iniciativa que vai neste sentido. É de esperar e confiar que teña un conxunto de propostas e suxestións que poden ser moi útiles no futuro”, declara Henrique Monteagudo.

O presidente da RAG agradécelles o labor realizado aos equipos de traballo que participaron na elaboración do documento, coordinados polo académico Manuel González, e ao conselleiro a presentación do resultado. A proposta entra agora nun novo tempo de percorrido político en que Monteagudo espera que se produza un diálogo frutífero entre os distintos representantes e que transmita mensaxes positivas ao conxunto da sociedade. “A proba final será a implementación do plan, traducilo a medidas de goberno. Os plans son eficaces cando se levan á realidade”, conclúe.