O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o académico correspondente Diego Rodríguez, autor da edición As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía, impartirán o luns 26 de outubro (19:30 horas) unha conferencia arredor deste traballo no marco da programación do Ateneo de Santiago. O encontro terá lugar no número 19 da rúa do Vilar.
A recente publicación por parte da Real Academia Galega de material inédito do frustrado proxecto de edición das rimas populares recompiladas por quen foi o primeiro presidente da institución permite novas interpretacións sobre as que se falará nesta cita, titulada As Rimas populares de Galicia e o retorno de don Gaiferos.




