A gramática descritiva do galego moderno é unha das principais liñas de investigación nas que traballa Rosario Álvarez, investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Outra é a variación e o cambio lingüístico, un enfoque que aplica como membro do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) dende os primeiros pasos do proxecto; e unha terceira, a edición e o estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento, campo no que é codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica.
A acción exterior é outra preocupación constante no labor da académica que se reflicte no seu papel en proxectos como o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués ou o proxecto transfronteirizo Patrimonio léxico da Gallaecia, que tamén dirixe. O seu prolífico labor investigador queda tamén reflectido en máis de trinta libros publicados como autora, coordinadora ou editora e numerosos artigos en revistas científicas.
No campo da xestión cultural e académica, foi vicerreitora de Profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999), directora do ILG (2005-2013) e tesoureira da RAG (2013-2017). No ano 2018 converteuse na primeira presidenta do Consello da Cultura Galega, institución dende a que fixo un sinal de identidade o traballo a prol da igualdade de xénero na cultura.