O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, no centro da imaxe, durante a homenaxe a Carlos García Martínez. Fonte: Tino Viz / Museo do Pobo Galego
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na homenaxe que encheu o auditorio do Museo do Pobo Galego de colaboradores e amizades de Carlos García Martínez. María Xosé Fernández conduciu o encontro e Miro Casabella encargouse da parte musical.
Os intervenientes coincidiron en destacar o compromiso coa cultura e a identidade galegas que sempre demostrou Carlos García e o seu importante papel á fronte do Museo do Pobo Galego. Entre outros, tomaron a palabra o presidente do padroado do museo, Justo Beramendi; a vicepresidenta, Concha Losada; a historiadora Encarna Otero; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e Carlos A. García Pose, en representación da familia.