A exposición repasa a traxectoria vital, intelectual e profesional de Fernández del Riego a través de catorce paneis informativos e mesas vitrina con material gráfico e documental do intelectual, figura chave na reorganización galeguista tras a guerra civil.
Francisco Fernández Rei participou o pasado venres na presentación da mostra en Santiago de Compostela xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a comisaria da mostra e vicepresidenta segunda da Fundación Penzol, Malós Cabrera; o director de produción de Galaxia e coordinador da exposición, Xesús Domínguez; a sobriña de Del Riego María Eugenia Bermúdez Fernández; e a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.
O académico puxo o acento na súa intervención no labor de Francisco Fernández del Riego como presidente da RAG, un cargo que asumiu cando xa tiña 84 anos, en 1997. Fernández Rei lembrou que durante o mandato de don Paco, que continuou ata 2001, se puxeron “os alicerces do que é actual institución”. Entre outros cambios, a reforma dos estatutos suprimiu o carácter vitalicio da presidencia e iniciáronse os traballos de dixitalización da Academia. “Tiven a inmensa fortuna de ser académico numerario durante case toda a súa presidencia, polo que puiden vivir a transformación radical operada na RAG grazas ó impulso de don Paco que, mutatis mutandis, exerceu un papel semellante ó do cardeal Angelo Roncalli, o papa Xoán XXIII, no seo da Igrexa católica. Este papa de transición, case octoxenario, revolucionou totalmente a Igrexa co Concilio Vaticano II que promoveu, e que trouxo unha liturxia máis sinxela e máis achegada á xente, así como un novo ecumenismo”, comparou Fernández Rei.