
Henrique Monteagudo lembra ideas feitas realidade que van desde a que animou figuras populares que atravesan fronteiras a falaren en galego nas redes sociais —con fichaxes coma as de Viggo Mortensen ou James Rhodes—, ao Festival ATSF ou as entrevistas audiovisuais que o alumnado do Rafael Dieste realiza a referentes da escena musical de noso como Fillas de Cassandra, The Rapants ou Xabier Díaz. “E, por suposto, non podemos esquecer a súa campaña máis recente, O Dépor é da Coruña, un pulo decisivo que alimentou a marea da afección que conseguiu que o club branquiazul recuperase na súa denominación o topónimo orixinal da cidade da Coruña. A pegada desta iniciativa, na localidade que é o fogar que acubilla a sede da RAG desde ese mesmo ano 1906 en que naceu o club, transcende o mero respecto á toponimia oficial e o mundo do deporte. Ten un capital simbólico enorme que reforza o galego como parte da identidade coruñesa, que a anima dalgún xeito a retomar o facho que prenderon aquí as Irmandades da Fala hai agora 110”, valora o presidente.
O Premio Na lingua que eu falo forma parte de Primavera das Letras, o proxecto web que a RAG creou en 2016 para o público máis novo co apoio da Deputación da Coruña. Nun contexto de preocupante retroceso na transmisión xeracional do galego, o seu propósito é recoñecer persoas, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia e na mocidade, recorda a académica Fina Casalderrey, coordinadora de Primavera das Letras. A expresión oral cotiá é neste sentido un dos aspectos sobre o que quere poñer o foco, de aí a elección do nome “desta sorte de medalla de ouro da RAG”, tirado dun verso dos Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, obra fundacional das letras galegas contemporáneas.
“A escolla do proxecto do IES Rafael Dieste fai este premio chegue dalgunha maneira aos máis de 25.000 mozos e mozas dos 300 centros educativos que ata o momento se adheriron a este movemento. Queremos recoñecer todos eses embaixadores do idioma que animan os comerciantes dos seus barrios a colocaren na porta dos negocios os adhesivos que nos anuncian que Aquí tamén se fala galego; aplaudimos os fillos e irmáns que fan que se fale tamén máis nas súas casas, ou que entre por primeira vez nelas. Porque o futuro da nosa lingua se nutre da vitalidade da infancia e da mocidade, da que ten no galego a súa lingua materna e mais tamén da que a adopta posteriormente”, expresa a escritora.

Da man de Aquí tamén se fala, canda mozos e mozas que recuperan o orgullo da lingua propia, hai familias que redescobren a que falaron os seus avós e avoas. E moitas outras que, coas raíces ben lonxe, estana a integrar na súa vida cotiá da man dos fillos e fillas. Mozos e mozas como Olizier, César, Juliamny e Jusvely, de Venezuela; Evelin, Natalia, Juan, de Colombia; Elyas e Amine, de Marrocos; Mohammed, de Senegal; Yassiel, do Perú; Virgi, de Hungría; ou Julieta, Amaia, Maité e Valentina, da Arxentina; hoxe todas e todos eles parte do núcleo máis activo do equipo Aquí tamén se fala do IES Rafael Dieste.
Mais cómpre subliñar os nomes e apelidos dos tres profesores sen os que todo isto non sería posible, conclúen Monteagudo e Casalderrey. “Con este galardón, a Academia expresa moi especialmente o seu recoñecemento, a súa gratitude, a Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía. Volvendo ás Irmandades da Fala, estamos ben seguros que os seus promotores, se puidesen viaxar no tempo, estarían ben orgullosos desta experiencia, deste universo, que bebe dalgún xeito do seu legado”, remata o presidente da RAG. A entrega do II Premio Na lingua que eu falo celebrarase o curso que vén, arredor da celebración do Día Europeo das Linguas.



