O presidente da RAG e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, e o vicepresidente dos Nosos Lares, Álvaro Benedicto Pérez Sancho, entregáronlles os galardóns ás persoas premiadas nas tres categorías do certame.
Xosé Nieto Castro, veciño da Coruña e profesor de secundaria, fíxose co galardón da categoría de adultos co relato titulado "Tadla", unha narración de xénero fantástico. Na xuvenil, de 12 a 17 anos, a gañadora foi Ariadna Alcalde Mahía, alumna do IES Monte das Moas da mesma cidade, con "Luísa, muller", unha historia narrada de xeito poético sobre unha personaxe que se pecha en si mesma; e na categoría infantil o galardón é para Sabela García Santos, alumna do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes e autora de "Encerradas nun castelo", unha aventura protagonizada por tres nenas.