Un momento da mesa redonda con Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey e Xavier Senín
Antigas e antigos alumnos, compañeiros de claustro, familiares da escritora e personalidades do mundo literario participaron no acto celebrado no salón de actos do IES Torrente Ballester, a cuxa biblioteca María Victoria Moreno legou a súa colección de libros. O académico Xesús Alonso Montero, amigo persoal da autora desde a súa chegada a outro instituto, o Masculino de Lugo, nos primeiros anos 60, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, antes da proxección dun vídeo realizado por un dos seus ex-alumnos, Gaspar Broullón, cheo de testemuños emotivos de familia, persoas que tiveron a María Victoria Moreno como profesora e compañeiros de profesión.
O acto continuou cunha mesa redonda na que participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o académico Xesús Alonso Montero, a académica Fina Casalderrey e o escritor e tradutor Xavier Senín. Víctor F. Freixanes salientou que a escolla de María Victoria Moreno como protagonista das Letras Galegas 2018 permitirá non só volver á obra dunha figura de referencia da nosa literatura, senón tamén abrir espazos de debate social arredor de aspectos como a conquista de lectores novos -no que ela destacou como escritora mais tamén como editora-, a importancia do papel do profesorado, o compromiso coa cultura e a lingua galegas das persoas que chegan a Galicia procedentes doutras realidades, ou a conquista das mulleres nas últimas décadas de espazos que tradicionalmente lles foran vetados.
Fina Casalderrey e Xavier Senín recordaron momentos da vida de María Victoria Moreno que proban a súa gran xenerosidade e o compromiso coa lingua que axiña aprendeu, ata o punto de impartir cursos de galego nos anos 70 polos que se lle chegou a retirar o pasaporte.
O director do centro, David Castro, abriu o acto recordando a importancia que tiña para a autora o mundo do ensino. "A escola era a súa vida", salientou. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que María Victoria Moreno é a "protagonista absoluta do ano en Pontevedra". Nesta mesma cidade, onde se estableceu nada máis chegar a Galicia, e noutro centro educativo, o CEP Marcos da Portela, a Real Academia Galega presentou o pasado mes de febreiro o proxecto Primavera das Letras, un espazo web dedicado á autora con recursos didácticos e lúdicos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria. A Academia volverá a Pontevedra o 17 de maio para celebrar o Día das Letras Galegas cun acto académico no Teatro Principal.