O herdo dos "contadores naturais" que medraron sen televisión

Celso Fernández Sanmartín aprendeu a arte de contar escoitando "contadores naturais" que se criaron sen televisión. A irrupción nos fogares deste aparello mudou profundamente o paradigma da comunicación tradicional, un tesouro colectivo que segue hoxe vivo grazas ao traballo de persoas como este herdeiro da mellor tradición oral.

Celso Fernández Sanmartín nun momento do relatorio. Fonte: RAG


O narrador expúxolle ao alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" as claves deste xeito de compartir historias que aprendeu inconscientemente dos maiores do seu concello, Lalín, ao que se achega co seu propio toque contemporáneo. Celso Fernández Sanmartín abordou a actualidade e o valor da narración oral tradicional e compartiu cos estudantes exemplos deste modo de comunicación tanto falados como cantados, historias, contos e cantares todos eles da súa terra.