A palabra covid-19 é un dos novos lemas que o Seminario de Lexicografía acordou incorporar ao Dicionario en resposta á irrupción na fala cotiá de distintos termos relacionados coa crise provocada por esta enfermidade. O termo é resultado da rápida lexicalización que experimentou o acrónimo do inglés Coronavirus Disease 2019 'doenza por coronavirus 2019', como sucedeu no seu día coa sida, a ‘síndrome de inmunodeficiencia adquirida'. O Dicionario recolle tamén a posibilidade de seguir a consideralo un acrónimo, de modo que pode escribirse igualmente con maiúsculas, COVID-19, ou só con maiúscula inicial, Covid-19. Alén da escolla neste sentido, o xénero é sempre feminino, en concordancia co da voz ‘enfermidade' á que se refire.
O termo coronavirus incorpórase tamén ao Dicionario, que se fai eco así da súa popularización en só cuestión de semanas por mor do SARS-CoV-2, o coronavirus causante da pandemia de covid-19, recorda un dos exemplos que completan a súa entrada. Entre as novas voces figuran outros termos da medicina relacionados coa pandemia como os substantivos femininos sepse e sepsia (sinónimos de septicemia, que xa aparecía recollido), ou asintomático, asintomática, o antónimo de sintómático, formado co prefixo a- de orixe grega, que indica negación.
A familia léxica de teletraballo, formada a partir do prefixo de orixe grega tele- (a distancia) e cada vez máis empregada ao se converter nunha modalidade prioritaria no estado de alarma, xa está recollida tamén dende hoxe no Dicionario, que completa a entrada de traballo co fraseoloxismo "traballo a distancia", de idéntico significado. De igual maneira, xunto á palabra webinario, o Seminario de Lexicografía acordou engadir o fraseoloxismo "seminario web" na entrada de seminario.
O Dicionario enriquécese tamén coas voces desconfinamento e desescalada –formadas, unha vez máis, cun prefixo (neste caso des-) a partir de palabras que xa figuraban no Dicionario–, infodemia e resiliente, e incorpora as acepcións de resiliencia relativas á capacidade de adaptación a situacións adversas.