Cento sesenta e oito novas voces e actualizacións corresponden a termos matemáticos revisados coa colaboración de especialistas de distintos eidos, un traballo que foi presentado o pasado mes de marzo na Academia. Entre as palabras que entraron no Dicionario durante o primeiro semestre de 2018, figuran outros termos presentes na lingua viva como rap, baremar ou tripi, na versión dixital do Dicionario desde o pasado mes de abril.
Desde onte poden consultarse tamén blogosfera, conectividade, ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito, de acordo co obxectivo de ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación. De igual xeito, nube engade a acepción referida ao espazo de almacenamento virtual e recóllese xestor–a de comunidade como voz propia para o anglicismo community manager.
Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.
As novas entradas e cambios no Dicionario aprobados pola Real Academia Galega poden ter varias orixes. Os propios membros da institución achegan propostas decote, pero a RAG tamén permanece atenta ás que recibe de particulares e institucións, a través de distintas canles, desde o correo postal á lapela do Dicionario "Axúdanos a mellorar", visible tras a definición de calquera termo, e mesmo as redes sociais. Exemplo deste proceso de escoita son as melloras introducidas no léxico matemático ou no relativo á astronomía -que foron actualizados coa colaboración desinteresada de persoas expertas en ambas as disciplinas-, ou a entrada de aporofobia, palabra analizada e aprobada tras recibir unha solicitude neste sentido do Foro Socioeducativo Os Ninguéns.
'Faldriqueira' recobra actualidade.
As dúbidas expresadas polos usuarios e usuarias do Dicionario tamén son de utilidade para detectar palabras ou acepcións que deben ser incorporadas a unha ferramenta dixital que cada día recibe de media máis de 56.000 consultas, ás que hai que sumar as realizadas a través das aplicacións para dispositivos móbiles do Dicionario, que suman máis de 75.000 descargas. É o caso, por exemplo, da segunda acepción de faldriqueira, incorporada o pasado mes de febreiro. Igual que, tradicionalmente, denominou o peto interior que levaban as mulleres dentro da saia, hoxe este termo recobra actualidade para nomear a versión modernizada deste complemento, a bolsa pequena unida a un cinto que se cingue á cintura e que se emprega para levar obxectos persoais de pequeno tamaño.