Coa fin de promover a lectura nas diferentes linguas, a celebración conmemora este ano o feito da tradución, coincidindo co 80 aniversario da base de datos Index Translatorum; un repertorio internacional de traducións creado en 1932 pola Liga de Nacións. Na actualidade, esta base de datos global é electrónica e contén máis de dous millóns de entradas referidas a medio millón de autores e 78.000 editoriais en 148 países. No que atinxe ao galego, o Index Translatorum recolle preto de 1.300 títulos traducidos desde a nosa lingua e arredor de 2.400 vertidos ao galego desde linguas distintas.
Para Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO: "A tradución é o primeiro paso cara ao achegamento entre as persoas e tamén é unha experiencia de descentralización, pois ensina diversidade e diálogo. A tradución é un dos principios rectores da diversidade creativa que arrequece toda lingua grazas ao contacto con outras".