
A vizosa relación da creación literaria co xornalismo é o fío condutor da cuarta edición de Voces da narrativa. O ciclo da Real Academia Galega reunirá co público na Fundación Luís Seoane (A Coruña) o venres que vén, 23 de outubro (18:30), o escritor Diego Ameixeiras e as escritoras Lara Dopazo e Marga Tojo, que comparten tamén a condición de seren profesionais do periodismo. Entre ambos os mundos móvese igualmente o académico Manuel Rivas, que presentará e moderará a xornada, de entrada libre, canda a académica e escritora Marilar Aleixandre. O programa inclúe ademais a actuación musical de Felisa Segade.
A xornada Voces da narrativa. Xornalismo e literatura é unha iniciativa da Sección de Literatura da RAG que se organiza co apoio do Concello da Coruña. A escolla do tema deste ano coincide coa celebración das Letras Galegas de Begoña Caamaño (1964-2014), xornalista de profesión que se presentou como novelista en 2009 con Circe ou o pracer do azul, lembra Aleixandre, directora da dita sección.
Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) debutou en 2004 con Baixo mínimos e desde entón leva publicadas outras quince novelas, entre elas Tres segundos de memoria (2006), gañadora do Premio Xerais; Asasinato no Consello Nacional, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; e O cervo e a sombra (2021), Premio Nacional da Crítica. Tamén é autor dos cómics Os suicidantes (2023), con Tomás Guerrero, e Oficio nocturno (2026), con Fran Bueno.
Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) comezou a súa andaina literaria en 2008 co poemario Dende illa peixe, distinguido co primeiro premio Galicia Crea. Como narradora é autora de O axolote e outros contos de bestas e auga (2020), Premio de narrativa Illa Nova; e Contos gringos (2024), Premio da Crítica Galicia de creación literaria. Foi artista residente na Real Academia de España en Roma (2019) e parte do Spanish Creative Writing MFA da Universidade de Iowa (2021-2023).
A traxectoria literaria de Marga Tojo (Santiago de Compostela) arrincou tamén no campo da poesía con Últimos bruídos (2016) e Cara de velocidad (2018), Premio Internacional de Poesía para Niñas y Niños de Orihuela; e inclúe o ensaio en Maternidade fóra de catálogo (2018). A autora presentouse como narradora coa novela negra Sarela (2025), Premio Selic de creación literaria 2024.
Na parte musical, a presenza da pandeireteira e cantareira Felisa Segade (Santiago de Compostela) na xornada reforza a consideración da tradición oral como parte da literatura galega, lembra Marilar Aleixandre. A poesía popular oral foi o eixe das Letras Galegas 2025, que a RAG personificou nas Pandeireteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.


