O balneario ofrecía uns servizos básicos aos bañistas. O corpo central era utilizado como terraza ou palco de música, pois tamén se adoitaba ofrecer concertos dende este espazo asomado á baía. No inverno era aproveitado como miradoiro, para ver os temporais, e como secadoiro de redes. Foi demolido no 1922, hai xusto agora cen anos.
A imaxe deste espazo conservada no arquivo da RAG permite coñecer como era. O documento, dispoñible en copia dixital en Galiciana - Arquivo Dixital de Galicia, pertence á colección facticia de postais da institución, que abrangue todas aquelas tarxetas postais, de diversas procedencias, que non están integradas nalgún fondo documental. Esta inclúe imaxes desde os primeiros anos do século XX até o día de hoxe, nos dous formatos normalizados máis comúns da tarxeta postal, 9 x 14 e 10,5 x 15 cm, e en técnicas de fotomecánica e fotográficas diversas.
A gran maioría das tarxetas desta colección recollen imaxes localizadas en Galicia, fundamentalmente na cidade da Coruña, pero o arquivo da RAG tamén conserva series de postais completas de Lugo ou Monforte, e tamén de eventos como a Exposición Rexional de 1909. O ARAG conserva ademais algúns cartafoles de tarxetas postais de orixes variadas como Vietnam, a URSS, Cuba, Uruguai, Porto Rico ou Washington.