O Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, e o baixo-barítono Daniel Mosquera interpretarán esta obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta. O programa inclúe tamén obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja.
Canto a Luísa Villalta: entender para vivir, o volume reúne dezaseis colaboracións -quince textuais e unha plástica- que lembran o “precursor e versátil” do legado de Luísa Villalta. Porque a autora, “malia ser coñecida como poeta, non deixou de explorar outros xéneros como a narrativa ou o ensaio”, salientou Dolores Vilavedra na presentación do libro, na que tamén participou a secretaria da RAG, Margarita Ledo, canda a presidenta do CCG, a académica Rosario Álvarez; e María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada.
Participan neste título Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga Do Val, Eva Veiga e Miro Villar. Cada un deles partiu dun texto da obra de Villalta para crear outra peza que constitúe un diálogo polifónico co seu legado.