Tribuna

O apelido Fraguas

O apelido Fraguas pertence ó grupo dos que proceden de nomes de lugar e, dentro destes, correspóndese a unha palabra viva, a fragua, ‘o taller onde se traballa o ferro'. Procede dun antigo frauga < *frabica, do lat. fabrica ‘arte do ferreiro', ‘fragua', derivado de faber ‘ferreiro', ‘artesán'. Tamén deu lugar a formas intermedias, que non callaron no léxico común, pero que se conservan na toponimia e se documentan desde moi antigo, polo menos desde o século XII, coas formas antigas Frávegas, Frauugas e Fraugas.

O mesmo étimo deixou tamén o nome de lugar Frádega, presente, tanto en singular como en plural, en sete lugares de Galicia e en varios microtopónimos (isto é, lugares non habitados): Frádega en Ames e en Brión, Frádegas en Xove, A Frádiga en Mañón e O Páramo, O Camiño da Frágueda en Sarreaus, Frágadas en Lousame. E diminutivos como A Fraguicela, na Capela, A Fragocela, en San Sadurniño e Fragüelas, no Pino. Ben se ve con esta abundancia de formas que a actividade do ferreiro era moi importante na sociedade. E aínda se lles pode engadir outras que facían referencia ó mesmo concepto, quérese dicir, o lugar onde traballaba o ferreiro: no Nomenclátor de Galicia hai 33 lugares e 7 parroquias chamadas A(s) Ferreira(s), 28 lugares A(s) Ferrería(s), e 19 lugares O(s) Mazo(s).

Ao seren topónimos tan frecuentes, non sorprende que todas estas voces deixasen apelidos: Ferreira, Ferreiroa/Ferreirúa, Ferrería. E tamén Fragua e Fraguas. Como adoita acontecer cos apelidos toponímicos, o mapa onde se mostran os seus portadores indica claramente a área principal de onde procede este. O recurso Cartografía dos apelidos de Galicia permite ver que Fraguas está moi concentrado en Cotobade, e espallado nunha zona compacta arredor del. En principio, esta distribución parece apuntar a dous topónimos Fraguas, un da parroquia de Caroi, e outro na próxima de Tomonde, en Cerdedo, hoxe deshabitada. Pero as cousas non sempre son o que parecen, e semella que neste caso a orixe do topónimo vén do apelido, e non ó revés.

Na Idade Media houbo nesta área un territorio chamado As Fragas, que se atesta desde o século XIII na parroquia de Santa Mariña das Fragas (mosteiro de San Salvador de Lérez, AHN), hoxe no concello de Campo Lameiro, e mais noutras denominacions da zona:

Freguesía de San Miguel de Carballedo [Cotobade], sito en terra das Fragas de Pontevedra 1574 ACS

Freguesía de San Miguel do Campo das Fragas 1586 ACS; hoxe, O Campo (San Miguel), en Campo Lameiro

Nesa zona era apelido común da Fraga ou das Fragas e na documentación de Cotobade procedente do Catastro de Ensenada (1752) atopamos casos de conversión en Fraguas:

Juan de Fraguas, labrador (556v); Joseph e Manuel, aprendices de cantería, fillos de Juan de Fragas (555v)

Manuel de Fragas, propietario de muíños (551v); Mathias, curtidor, fillo de Manuel de Fraguas (552v)

É estraño que o nome dunha xurisdición non deixase pegadas nos apelidos; ademais, o topónimo Fraguas non se documenta antes do XVIII, e, por último no Catastro de Ensenada (1753) só consta un ferreiro, polo que o plural non parece moi xustificado. Por tanto, é posible que o apelido (das) Fragas fose reconvertido en (das) Fraguas e este dese lugar ó topónimo da parroquia de Caroi (e mais á de Tomonde). Na mesma área vemos outros cambios aparentemente arbitrarios, como os Andón da Terra de Montes que pasaron a Andión.

En todo caso, Cotobade conta hoxe con 179 ocorrencias do total de 614 en toda Galicia, e hoxe é o seu sétimo apelido máis frecuente, segundo o Instituto Galego de Estatística. Por iso non é sorprendente que o persoeiro a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas, Antonio Fraguas Fraguas, alí nacido, o levase duplicado. Todo un vaticinio para quen se había de converter nun dos máis egrexios estudosos da nosa cultura popular.

Ana Boullón
Membro correspondente da Academia