Neste 2026 fanse cincuenta anos da publicación da obra colectiva Los Gallegos, editada en Madrid por Istmo e coordinada por Gustavo Fabra Barreiro nun volume, en oitavo, de 547 páxinas. Foi un libro moi coñecido no seu tempo e que tivo unha segunda edición en 1984, pero que na actualidade estimo que está bastante esquecido, polo que non estaría de máis reavivar a lembranza dunha iniciativa que serviu para proxectar a nosa cultura cara a unha España que estaba a vivir os primeiros anos da Transición. Tamén ten un interese engadido para este ano oteriano, porque posiblemente foi neste volume onde se publicou o derradeiro traballo do Mestre de Trasalba: “Introducción al paisaje”, xa que o seu pasamento ocorreu poucos meses antes de que saíra do prelo o libro.
En Los Gallegos, o coordinador da obra, cunha visión ampla e moderna do que se podía entender por cultura galega, reuniu nela a un conxunto de escritores que pertencían a varias xeracións, polo que pode servir tamén como un acaído testemuño do que podía ser naqueles tempos un vizoso compromiso interxeracional. Presididos por Otero Pedrayo, nado en 1888, atopariámonos coa xeración da primeira década do XX: Paz Andrade (de 1898), que escribiría sobre “La sociedad y la economía”, Iglesias Corral (1901), sobre “El Derecho”, Taboada Chivite (1907) sobre “Cultura material y espiritual” e Odriozola (1911) sobre “Bibliografía”. Seguíalle a xeración, que podiamos denominar “intermedia”, nacida antes da Guerra Civil, con Basilio Losada (1930), que tratou sobre “La literatura” e Barreiro Fernández (1936) sobre “Historia Política”. Finalmente, a xeración dos novos, que andariamos todos arredor dos trinta anos, estabamos representados por Ricardo Palmás (1940) que escribiu sobre “La emigración”, Torres Queiruga (1940), sobre “La religión y la iglesia”, Díaz-Fierros (1941), sobre “La cultura científica”, Francisco Rodríguez (1945) sobre “La lengua” e finalmente Carmen Pena (1947) sobre “El Arte”.
Foi unha obra concibida inicialmente para o público español pero, dado o seu carácter de amplo tratado de practicamente todos os ámbitos do espectro cultural galego, foi tamén moi difundida en Galicia. De feito, viña a ser a primeira vez que se presentaba dunha maneira global, equilibrada e compendiada esta ampla temática, pois ilustres precedentes como a Historia de Galicia (1865-1913) de Murguía ou a máis recente da Historia de Galiza (1962-1973) de Otero Pedrayo, deixaban aspectos singulares da nosa cultura sen tratar ou facíao só moi parcialmente (p.e. lingua, dereito, economía, relixión ou ciencia).
Gustavo Fabra, nado en Madrid en 1945, de nai galega, Manuela Barreiro, estudou xornalismo e os seus primeiros traballos versaron sobre o XIX español (Azorín e Larra) baixo a orientación de Gamallo Fierros, e despois foi asiduo colaborador no xornal Informaciones e en revistas como Revista de Occidente. Era profesor de Fundamentos da Filosofía na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Madrid. Pero, xa moi cedo se orientou cara a unha das súas devocións: a literatura galega, sobre a que publicou un libro, o volume XXXV da serie Literatura Española en Imágenes (Madrid, 1973) e diversos traballos sobre Castelao, Valle-Inclán, a Xeración Nós etc., recompilados postumamente no libro na súa homenaxe editado por Akal en 1977, e coa colaboración de Mauro Armiño e de moitos dos escritores galegos situados daquela en Madrid: Gustavo Fabra Barreiro. El discurso interrumpido. Morreu inesperadamente nun accidente doméstico a finais do ano 1975, antes de que vise a luz Los Gallegos.
A editorial Istmo foi creada en 1966 polo lusitanista de orixe catalá José Antonio Llardent (Oeiras, 1925 - Madrid, 1987). Tradutor ao castelán de Pessoa e outros escritores portugueses, así como un decidido loitador pola liberdade cultural no franquismo ao abeiro da súa Librería-Galería Clan, orientou a súa editorial cara ao mundo universitario con manuais, dicionarios e antoloxías, no eido histórico fundamentalmente. Por iniciativa de Gustavo Fabra e, dalgún xeito, para seguir a senda do libro de Julio Caro Baroja Los Vascos, publicado por Istmo en 1972, puxeron en marcha o proxecto editorial que finalmente remataría no libro que hoxe nos ocupa e que desgraciadamente non chegou a ver editado o seu coordinador.
Obra, autor e mais a editorial, coidamos que ben merecen unha lembranza nestes tempos tan dados a esquecer feitos e circunstancias, ás veces providenciais, nos que se fraguou moito do que hoxe somos e podemos culturalmente desfrutar.



