Tribuna

No centenario de Pura Vázquez (Ourense 1918-2018)

Prezada Pura: Estás de centenario e cómpre celebrarte como mereces. Recibrás homenaxes, falarán de ti e Galicia coñecerate mellor, que boa falta nos fai saber o bo que temos. Sucede coas antecesoras en tempo escuro que se citan os seus nomes porque soan, pero poucas veces se coñecen o suficiente como para pagar a débeda que temos contraída convosco e coa vosa herdanza, pioneiras de tantas cousas e fendedoras desa semiesfera máis escura na que nos encerraron ás mulleres.

Que sorte a de apreciarte en vida e ter recibindo o teu amable trato de palabra e por carta cando enviabas as publicacións coas que gustabas agasallarnos. As mulleres dedicadas ás letras inda eramos poucas e considerabámonos todas contemporáneas, porque as cousas nos ían parecidas cando os tempos femininos inda non eran chegados. A nós as dúas uníannos, a maiores, algunhas circunstancias especiais. A paixón que sentiramos pola lectura de Selma Lagerlöf, a influencia do pai no amor pola creación literaria, a escrita a catro mans con persoa moi próxima, as feridas da guerra -as túas máis duras e directas, mais as miñas sempre na memoria-, a dedicación ao ensino e a preocupación de crear para xente noviña, que queriamos achegar á poesía sobre todo. Ti tiveches a gran sorte de ser alumna de Otero Pedrayo e de ter relacións literarias non frecuentes para outras o que debeu supor un forte estímulo para o teu valioso e abondoso traballo. E tamén a de empezar a escribir moi nova, cando a cabeza e o corpo teñen a máxima plasticidade para aprender e para expresar.

Que luxo para Galicia ter unha embaixadora cultural coma ti traballando en institucións detrás do océano. Que luxo para nós verte na canteira da voz reconquistada de onde tirar aprendizaxes e emocións novas e tan directas. Que luxo para nosoutras terte entre as irmás maiores, as matricarcas, as que nos iades mostrando camiños de sentir e de expresármonos desde o máis fondo, desde a soidade, desde a plenitude, desde o gozo e desde a dor.

Buscarémoste, lerémoste de novo, gozaremos dese tesouro da túa voz madura, traballada durante tantos anos. Falaremos de ti para que nos escoiten. Divulgaremos a existencia dos teus libros. Daremos a coñecer os teus poemas para sentírmonos menos náufragas da elexía. Sabémonos debedoras de ti e Galicia tamén debe tamén saberse debedora túa para celebrarche un ano especial. E empezo por conmemorar desde este espazo que o Día de Galicia de 2006 te incorporaches polos teus méritos á gran Alba de Gloria deste pobo.

Graciñas, irmá!

Helena Villar Janeiro
Membro correspondente da Real Academia Galega