A Fundación Barrié colabora coa Academia dende os seus comezos en numerosos proxectos que abranguen dende a edición de clásicos ata a dixitalización de fondos históricos. A partir do ano 2008 este apoio centrouse no eido lexicográfico, nomeadamente na modernización tecnolóxica que permitiu a posta en marcha do dicionario en liña no ano 2012, que conta tamén cunha aplicación para Android e iOs. Dende 2013 a Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen vivo o Portal das Palabras, un espazo web para a divulgación do léxico que prima a amenidade.
“Con esta iniciativa a RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións, se ben o Ximnasio Léxico é unha aplicación atractiva para persoas de todas as idades”, expresou o presidente da Academia na rolda de prensa de presentación da aplicación. “Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega”, engadiu Víctor F. Freixanes, que agradeceu a sensibilidade e colaboración da Fundación Barrié para facer realidade esta ferramenta.
“Levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el”, declarou Carmen Arias Romero. “O proxecto permite cumprir unha das principais vocacións da Fundación Barrié: actuar como fermento, potenciar o traballo doutras institucións, neste caso o feito arredor do dicionario da Real Academia Galega”, explicou a directora da Fundación Barrié.
O Ximnasio Léxico foi probado antes do seu lanzamento entre alumnado de centros de ensino dos ámbitos rural e urbano.
Ximnasio Léxico
O dominio dunha lingua non significa só coñecer un repertorio léxico senón tamén ser quen de empregar as palabras con naturalidade e espontaneidade. Dunhas só é preciso saber vagamente o significado. Outras xa están no vocabulario cotián, pero en ocasións deformadas, pois atribúeselles un significado equivocado ou tenden a escribirse incorrectamente. O Ximnasio Léxico permite adestrar o manexo óptimo do vocabulario xogando de distintas maneiras.
As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir. A opción do adestramento facilítalles aos usuarios e usuarias afacerse á mecánica dos xogos antes de dar o salto á competición, estruturada en tres niveis: inicial, medio e superior. Para avanzar dun nivel a outro é preciso sumar un número determinado de puntos en cada un dos seis xogos. Cada vez que a persoa xogadora suba de nivel aumentará a dificultade das propostas.
A dinámica dos seis xogos
O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.
Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.