Nace o Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo

O Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas no Bierzo e Edicións Positivas impulsaron a creación do Premio Morales para a Promoción da Lingua Galega no Bierzo. O novo galardón busca poñer en valor a figura de Antonio Fernández Morales e establece tres categorías abertas ao alumnado dos centros nos que se estuda galego nesta área galegofalante. A Real Academia Galega é unha das institucións que colabora nesta iniciativa.

Representantes das entidades organizadoras e colaboradoras no I Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo


O Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo. Tras os pasos de Morales: Os magostos convocouse no marco da X Xornada Martín Sarmiento. A cita, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento en colaboración coa Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León, celebrouse o pasado venres en Vilafranca do Bierzo cadrando co Día do Galego no Bierzo, unha cita na que participaron máis de 1.100 escolares. A RAG estivo representada na presentación do certame polo académico correspondente e coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento Héctor Silveiro.

A este premio poderán concorrer os alumnos e alumnas dos 19 centros de ensino de galego que existen en León e Zamora, que abranguen desde as etapas de infantil e primaria ata a secundaria e o ensino no marco da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (EOI). Os pequenos e pequenas de infantil e primaria participarán no concurso con debuxos que interpreten o poema "Os magostos" de Fernández Morales. Na categoría aberta ao alumnado da ESO e bacharelato concursarase con contos, poemas ou pezas teatrais a partir dos mesmos versos. A terceira categoría fixa o mesmo tipo de creacións arredor deste poema para o alumnado da EOI de Ponferrada. Os debuxos e os textos poderán presentarse ata o vindeiro 21 de xuño segundo fixan as bases, dispoñibles nesta ligazón.

Esta previsto que o xurado faga público o nome das persoas gañadoras do premio o sábado 20 de outubro durante a celebración do magosto popular.

Con esta iniciativa, a Real Academia Galega volve apoiar a divulgación da figura de Antonio Fernández Morales, protagonista o pasado mes de setembro de tres xornadas coorganizadas pola institución, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento co gallo do bicentenario do seu nacemento.