Ilustración de Castelao para a revista Nós
Nas letras galegas, numerosos autores empregaron a noite máis curta do ano como material literario, desde Antonio de la Iglesia e Rosalía de Castro, ata Eugenio Montes e Iglesia Alvariño. O protagonista do Día das Letras 2014, Xosé María Díaz Castro, foi outro dos cultivadores deste tema como podemos ler na seguinte composición.
NA NOITE DE SAN XOÁN
Rapaces de miña terra,
valentes e rexos mozos
n´esta noite de San Xoán
vide, e xuntádevos todos,
que vamos facer no monte
unha fogueirada d´ouro;
i arderán en vivas chispas
i-antre broncazos sonoros
media dúzia de carballos
e vinte carros de toxos.
Haberá pólvora brava
e gaita e tambor e bombo,
e bailará a mocedade
voando ôrredor do fogo…
¡Rapaces da miña aldea,
atrevidos coma lobos,
alègres coma anduriñas,
cantadores coma tordos!
N-esta noite de San Xoán
queimaremos cèn mil troncos,
i-ô son da gaita inspirada,
que fai fuxir os agoiros,
desfaceremos a gòrxa
en fòrtes atruxos loucos,
danzando ô pé da fogueira
¡pois para iso somos mozos!
¡Rapaces da miña aldea,
vide todos, vide todos!
Xosé María Díaz Castro. Poesía galega completa (Vigo, 2014).