Pola esquerda, o gaiteiro Andrés Lorenzo, a cantante Andrea Pousa, o musicólogo e académico correspondente Fernando López-Acuña, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o director do Instituto José Cornide, Xosé Fraga, o historiador e académico Ramón Villares e Queiman. Fonte: RAG
"O Himno galego nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados nacionais europeos abordaron o reto de ter símbolos que identificasen emocionalmente a comunidade política á que se dirixía", salienta Ramón Villares. Isto significa que "Galicia estaba aí", que o pensamento político e as pequenas mobilizacións rexionalistas, por débiles que fosen, estaban ao corrente do que sucedía no contexto español, ibérico e europeo, engade o o historiador e académico de número.
Como os demais himnos, tampouco naceu por decreto, senón que o seu éxito foi froito dun proceso que implica aspectos como que sexa cantado polos orfeóns. Neste caso, reflicte tamén os esforzos do rexionalismo para dotar a comunidade galega de símbolos propios (o himno, a bandeira, un panteón e outros lugares de memoria etc.), pero quizais o máis definitorio do Himno galego é "un feito extraordinario": o pulo definitivo da colectividade emigrante. "En case todos os casos coñecidos na fixación dos símbolos actuaron ou ben institucións públicas, administrativas ou políticas, ou ben partidos plenamente constituídos como tal, pero no caso de Galicia este impulso veu de América. O Himno foi creado en Galicia e despois foi a América, e de alí retornou. O peso excepcional da colectividade emigrante é algo que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido", conclúe o académico.
Pola esquerda, o historiador e académico de número Ramón Villares, o director do Instituto José Cornide, Xosé Fraga, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o musicólogo e académico correspondente Fernando López-Acuña, en primeiro termo, nun momento do acto. Fonte: RAG
Un ano despois da súa estrea a cargo da Banda Municipal da Habana baixo a batuta de Guillermo M. Tomás (máis adiante nomeado académico correspondente da RAG), o himno de Eduardo Pondal e Pascual Veiga foi declarado oficial -por iniciativa de Xosé Fontenla Leal- en todas as festas do Centro Galego da capital cubana. A mesma institución editou en 1909 Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana, onde se publica por primeira vez en texto impreso a partitura e o poema. Esta edición foi de grande importancia para a súa expansión en Galicia, destaca o musicólogo Fernando López-Acuña, que na súa quenda se detivo tamén en detalles da creación artística.
A orixe: o certame musical de 1890
A música e o texto do Himno foran compostos en 1890 para un dos distintos concursos convocados co fin de dotar a Galicia dunha "marcha rexional". Foi así o propio Pascual Veiga quen lle pediu a Eduardo Pondal que escribise un poema para o certame musical do Orfeón Coruñés nº4, que el mesmo dirixía. A partitura gañadora para acompañar os versos de "Os pinos" foi a de Ivo Gotós, pero esta marcha -que se puido escoitar na intervención do académico- non chegou a estrearse, tal como se anunciara, nas festas da Coruña dese ano, posiblemente por falta de tempo para ensaiala. Sexa como for, a música que finalmente acompañaría o poema de Pondal sería a que escribiu Pascual Veiga en previsión de que o premio quedase deserto, repasa o académico correspondente. Unha partitura que, segundo as indicacións de Veiga, debe tocarse "moito máis rápido do que normalmente hoxe se toca, porque o noso Himno é unha marcha", tal e como se puido escoitar noutras das gravacións ofrecidas polo musicólogo no acto.
No momento da súa estrea na Habana o Himno foi considerado unha obra inédita, pero é posible que fora interpretado con anterioridade, apunta Fernando López-Acuña. O investigador suxire que Pascual Veiga puido incorporar a composición ao repertorio dos orfeóns que seguiu dirixindo, hipótese que atopa reforzo na declaración nun diario lugués, no ano 1896, do secretario dun deles, o do Centro Galego de Madrid, con motivo da viaxe da agrupación a Lugo para participar nun certame. Nela asegura que "Os pinos" era interpretado polos seus membros.
En calquera caso, foi a estrea á outra beira do Atlántico a que marcou o inicio da consolidación do Himno como símbolo de Galicia. Outro fito neste camiño, xa en territorio galego, foi a súa interpretación en Mondoñedo, en 1912, para recibir os restos de Pascual Veiga tras seren exhumados en Madrid. Cinco anos despois, en 1917, volveu soar noutro cemiterio, no de Santo Amaro da Coruña, na despedida de Eduardo Pondal nas voces dos membros das Irmandades da Fala, que tamén contribuíron dun xeito moi importante á súa popularización, engade o académico correspondente.
Os asistentes cantan con Andrea Pousa o Himno xusto 110 anos despois da súa estrea na Habana. Fonte: RAG
Co acto de hoxe a RAG ponlle o ramo á celebración do centenario do pasamento de Eduardo Pondal. Co gallo desta efeméride, publicou a antoloxía Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), a cargo de Manuel Ferreiro e concibida para achegar a calquera persoa interesada á obra do bardo bergantiñán. O profesor da UDC impartiu a semana pasada unha conferencia sobre o escritor noutro acto organizado polo Instituto José Cornide e a Academia.