Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 (2019) é a primeira de tres entregas que verán a luz na colección Grandes Biografías de Galaxia. Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) procura na achega máis ambiciosa á figura de Castelao situar todo o que foi e deitou no seu tempo un home cuxa vida, vivida entre 1886 e 1950, condensa e resume unha parte relevante da historia de Galicia. "El, un dos construtores da nación, é unha testemuña privilexiada e un actor. Neste home de Rianxo está o mar e está a terra, está a Galicia de aquén e a de alén mar en que foi emigrante", expresa o historiador na introdución.
A obra baséase nunha revisión exhaustiva dos fondos relacionados con Castelao espallados por distintas institucións e en información facilitada tamén por particulares a ambas as beiras do Atlántico. "Neste andar ás crebas existe unha cidadanía que me axudou a construír esta obra", agradece o autor Miguel Anxo Seixas Seoane.